Rei Núñez, Luís

A Coruña, 1958

Xornalista de profesión e autor dos libros de versos A rolda invisible (1988), Alma mareira (2003) e Estrela do norte (2014, Premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Editores).

Fotografía: web Editorial Xerais - Alba Sotelo

Biografía

Tamén escribiu unha primeira biografía de Rafael Dieste, A travesía dun século (1987), e o volume ensaístico Poetas andantes navegantes (1995). Xerais publica a súa obra narrativa, que inclúe os títulos Expediente Artieda (2000, Premio Xerais de Novela), A estrela dos polisóns (2003), Toda a vida (2005), O señor Lugrís e a negra sombra (2007, Premio da Crítica Española e Premio da Federación

de Libreiros de Galicia ao mellor libro do ano), Monte Louro (2009, Premio Blanco Amor de Novela Longa e Premio Fervenzas Literarias á mellor novela do ano), Cita en Fisterra (2011), Días que non foron (2013) e O encargo do señor Castelao (2016).Rafael Dieste. O libre pensamento (Xerais, 2019) é o seu primeiro libro na colección Crónica.

Bibliografía: Editorial Xerais

 

Parada bibliográfica

O señor lugrís e a negra sombra

O señor Lugrís e a negra sombra

Novela ou realidade? A pregunta que moitos lectores deste libro se formularán é a mesma que sen dúbida se lle presentou milleiros de veces ó gran pintor e escritor Urbano Lugrís (A Coruña, 1908-Vigo, l973) mentres era arrastrado polo río dunha existencia sometida a toda clase de vaivéns. Outro caudal, de tinta e testemuños, é o que lle serviu de base a Luís Rei Núñez nesta viaxe arredor dunha figura desmesurada coa que, ademais, consegue trazar o fresco de toda unha época de penitencia e un moi veraz retrato de grupo; con mestres en gramática parda, señoritos taram-bainas, artistas dipsómanos, mulleres que fuman, bares de alterne, un ruso «branco» ou os cando-rosos aprendices de literato… en definitiva, a fauna que opta polo exilio da bohemia cando o única vía de escape, na inacabable invernía dun réxime inxusto, consiste en contar co talento innato de Pucho Boedo, fenómeno da canción, ou de Luís Suárez, grande astro do balompé muncial. En tempos de descrédito para as apostas de calado, Rei Núñez sorpréndenos construíndo unha obra que, sen deixar de ser rigorosamente contemporánea, é de clara estirpe cervantina. Novela, si; mais tamén realidade. Como a vida.

Edición en galego

Editoral Xerais