mapa literario

vigo cidade literaria

descubrir a cidade a través da literatura

Vigo, a cidade máis poboada de Galicia, é tamén un importante escenario de obras literarias. A historia, a cultura, os costumes e a paisaxe da cidade inspiraron desde clásicos da literatura universal ata obras contemporáneas.

A cidade conta cunha traxectoria literaria relevante, que se remonta a séculos atrás, cunha comunidade literaria activa, que inclúe escritores e escritoras, editoriais, bibliotecas, librarías e outras entidades culturais.

VIGO: LUGAR DE MEMORIA

O historiador francés Pierre Nora acuñou o termo lugar de memoria para designar aqueles espazos nos que se cristaliza e se refuxia a memoria colectiva; é dicir, non se lembra calquera lugar, senón aquel no que a memoria actúa.

Museo Quiñones de León Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

VIGO ARQUITECTÓNICO

A arquitectura señorial da cidade, representada polo Teatro García Barbón, o edificio Simeón, El Moderno, a Casa da Condesa de Bárcena, a Escola de Artes e Oficios ou o Museo Quiñones de León, entre outros, reflicte a historia, cultura e identidade do pasado, do presente e do futuro da cidade.

Panificadora Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

VIGO INDUSTRIAL

O Vigo industrial desaparecido é un fenómeno reiterado nas obras literarias que recollen a transformación da cidade desde a súa época de apoxeo industrial ata a actualidade. Vulcano, A Panificadora, Alfageme, La Industriosa, La Artística ou Álvarez son só unha mostra dun legado de ruínas industriais que evocan o pasado da cidade; nas obras incluídas no proxecto quedarán inmortalizadas, contribuíndo a que eses lugares sexan lembrados mesmo despois de desapareceren ou transformarse.

Porta do Sol, edifico El Moderno Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

VIGO E OS SEUS BARRIOS

Lugares como a Porta do Sol co Sereo son testemuñas de moitos acontecementos das nosas vidas e das historias de ficción ou ficcionadas que recollen estas obras. O barrio de Teis, testemuña directa dunha xeración perdida e das revoltas obreiras; O Berbés, barrio mariñeiro orixe da cidade, como lembranza das tradicións viguesas, que dan nome a moitas das rúas e prazas do Casco Vello; sen esquecer o Calvario, reflexo da unión veciñal.

Teatro García Barbón. Mapa Literario de Vigo. Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Fotografía: Susigraphics - 100x100experimental.com

VIGO CULTURAL E NOSTÁLXICO

No ámbito cultural, a nostalxia por espazos emblemáticos como o café Derby, o Suízo, a casa de baños A Iniciadora, o teatro Fraga, os cines Tamberlick ou o Roxy, axuda a manter viva a historia da cidade e achega ás persoas unha sensación de conexión co pasado.

Monte Cepudo. Mapa Literario de Vigo. Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Fotografía: Susigraphics - 100x100experimental.com

VIGO RURAL

A novela escrita sobre a cidade relata a evolución —de ambas— e mostra a importancia da relación entre o espazo e a orde social, como os espazos mudan non só no aspecto senón tamén na identidade. Barrios como o de Coia, símbolo dun barrio obreiro nunha cidade industrial en expansión, en contraste con parroquias como Zamáns, Candeán ou Valadares, que conservan o seu carácter rural e rodean a cidade cun fermoso manto verde.

Illas Cíes, areal de Rodas

RÍA DE VIGO

O mar tamén xoga un papel esencial na cultura viguesa. A cidade ten unha longa tradición de pesca e navegación, e a ría de Vigo é un tema recorrente na literatura, destacando os seus prezados areais e, como máximo tesouro, as Illas Cíes, porta de entrada á ría desde o mar aberto.

Repositorio literario

Referencias

Distintas visións sobre vigo

Vigo é unha cidade que parece de cartón, con rúas de lastro, enlucida en branco e laranxa, erguida á beira dun porto grande e case pechado de todo, que practícamente podería ter amarrada a toda a flota británica. Os montes queimados polo sol métense no mar como vellos dinosauros fatigados e a color da auga é tan azul como unha litografia da baía de Nápoles. Unha igrexa gris de cartón con torres xemelgas e un castelo aplanado, de aspecto triste, que coroa o monte sobre o cal se ergue a cidade, miran cara á baía azul, a onde se dirixirán os bos pescadores cando a neve baixe polos ríos do norte e as troitas estean agochadas en pozas fondas, baixo escumas de xeo. Porque a litografía azul e brillante da baía está chea de peixe.

Ernest Hemingway, Artículo no Toronto Start Weekly

Nunca consegues coñecer esta cidade por completo. Sempre quedan rúas, camiños, escaleiras que xamais pisaches porque é tan fragmentaria coma inabarcable. Vigo é unha superposición de fragmentos. Alguén os coseu e agora vivimos nesta colcha de patchwork chea de cores e texturas. No centro érguense varias xoias arquitectónicas e moitas pegadas do pasado que se aferran á pedra coma marcas do tempo na pel. Na periferia hai quilómetros de verde e casas que semella que alguén colocou mentres xogaba cunha maqueta, é a única expliación a tanto caos e tanta desorde.

Ledicia Costas, Pel de cordeiro

Es un tópico gallego que Vigo trabaja: decir que Vigo trabaja en un país que trabaja quiere decir, más o menos, que en Vigo se ve el esfuerzo del trabajo. O, en otras palabras, que a Vigo se le ve crecer y enriquecerse, ponerse en forma, y esto es bueno y conveniente para Galicia toda, máxime si Vigo mantiene su galleguidad y no apetece excesivas modernidades.

Álvaro Cunqueiro, Polos vieiros do fabulador

Proxecto de colaboración entre organizacións e participación cidadá

Contacto

986 267 759

bpneiravilas@vigo.org

Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

Avda. Martínez Garrido, 21

36205 Vigo