Torres, Xohana
Santiago de Compostela, 1931 – Vigo, 2017
É autora das pezas teatrais A outra banda do Iberr (1965), gañadora do Premio Castelao do Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e mais Un hotel de primeira sobre o río (1968).
Fotografía: culturagalega.org - María Esteirán
Biografía
Asinou tamén a novela Adiós, María (1971), Premio Galicia do Centro Galego de Buenos Aires, e que, malia a ser a súa única incursión na narrativa para adultos, está considerada un dos clásicos do noso tempo. Como poeta, estreouse na colección Illa Nova con Do sulco (1957), ou que lle seguirían despois Estación ao mar (1980), Premio da Crítica española en 1981, Tempo de ría (1992) e Elexía a Lola (2016). Todas elas obras que a converterían nun dos grandes nomes da última metade do século XX, rachando moldes e converténdose nun facho inmorrente xeración tras xeración.
Xa no eido da literatura infantil, publicou Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984), e foi unha das pioneiras na tradución de obras deste xénero ao galego, publicadas todas elas na Editorial Galaxia. Tamén a radio foi outra das linguaxes que cultivou cando, en 1963, dirixiu en La Voz de Vigo o primeiro programa cultural radiofónico completamente en galego, Raíz e tempo. En outubro de 2001, ingresou na Real Academia Galega a proposta Salvador García-Bodaño Zunzunegui, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande, pronunciado o discurso Eu tamén navegar, texto fundamental para o feminismo do noso tempo.
Bibliografía: Editorial Galaxia
Parada bibliográfica

Adiós María
Historia dunha rapaza viguesa, filla dun traballador botado ao paro e empurrado á emigración pola desaparición dos tranvías.
O retrato dun tempo que xa non é. Pero que explica quen somos.
María, ou Maxa, é a protagonista desta historia en que os personaxes son todo. A autora penetra na súa psicoloxía para cercenar as súas almas e poñérnolas diante dos ollos. Na novela atopamos unha clara denuncia social da emigración, as súas causas e as súas consecuencias, así como unha fermosa recreación da linguaxe suburbial. Publicada por primeira vez en 1971, esta é unha das novelas máis importantes da creación literaria galega do último terzo do século XX e que agora a Editorial Galaxia volve poñer no camiño das lectoras e lectores que tamén gorentan da narrativa da que foi unha das poetas máis importantes que deu a nosa literatura.
Edición en galego
Editorial Galaxia