Souto, Xurxo

A Coruña, 1966

Terrícolo redondo. Naceu na Coruña, cidade-barco, mais nada sabía das cousas do mar.

Fotografía: arquivo do autor - Xosé Manuel Varela

Biografía

Así que comezou a preguntar e a compartir polo medio que for tanta descuberta. No ano 1999 gravou cos Diplomáticos de Monte-Alto o CD «Capetón», nome en galego do mar de Cape Town, na fin de África. En 2006 dirixiu o programa «Mil Ribeiras», na Radio Galega. Escribiu «Contos do mar de Irlanda» (Xerais, 2014) e a novela «A gran travesía de Chiruca Macallás» (Xerais, 2018). Dúas décadas despois da súa aparición, recuperamos (en clave celebración) a primeira parte deste libro: «O retorno dos homes mariños» (Xerais, 1999, 2020), o relato dunha verdadeira iniciación oceánica. Porque, como dixo Staffan Mörling: «Non vivimos na fin da Terra, nós vivimos no centro do Mar».

Bibliografía: Editorial Xerais

Paradas bibliográficas

Contos do mar de Irlanda Xurxo Souto Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

Contos do mar de Irlanda

«As cousas do mar non se contan na terra», dixo o Machín de Muxía. Galiza é unha pedra chantada no Atlántico e un espazo mariño que abrangue todos os océanos. Quizá un mariñeiro do Berbés non saiba onde queda Fonfría, aló arriba na montaña, mais todos saben de Capetón, Cape Town, na fin de África. Un mariñeiro do Muro non saberá, quizá, de Olelas, na raia de Portugal, mais todos saben de Antuerpe, que é como lle din en galego do mar a Amberes, o gran porto do Norte. Prodixioso saber gremial, absolutamente vedado a terrícolas e terrícolos. Cómpre romper con esta fronteira de silencio. E cómpre principiar a mollarse na auga máis doméstica: o Gran Sol. Caladoiros tan humanizados polos nosos avós que dende hai moitas décadas teñen nome en galego. Embárcate nestas palabras. Alén do paralelo 48º N, o Mar das Galiñas, a Cona da Vella, a Ferradura agardan. Está subindo a marea, ti non quedes varado en seco.

Edición en galego

Editoral Xerais

A gran travesía de Chiruca Macallás Xurxo Souto Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

A gran travesía de Chiruca Macallás

O arrastreiro Macallás sae das Arneiras, a cidade da Torre e da area do Berbés. O seu destino: Rockall, rocha perdida, entre Escocia e Islandia. O Con de Marín, tal lle din pola nosa ribeira. Manda na ponte unha muller, Mercedes, patroa de pesca e, antes, famosa vocalista do conxunto ForzA dozZE! É unha marea ben curiosa. Entre lance e lance, a mariñeira heavy vai entrar en tratos con Lipeilipeisa, un peixe-sapo que fala, e mesmo aprenderá a cántiga de Mamí Watá, que é a serea negra da Guiné, esa que chegou canda os mariñeiros senegaleses.A gran travesía de Chiruca Macallás conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación. Coa enorme forza do relato oral e a inclusión de elementos fantásticos e surrealistas que recrean a atmosfera gráfica de Urbano Lugrís, Xurxo Souto ofrécenos unha novela personalísima que retrata a aventura dunha marea singular con ton epopeico.

Edición en galego

Editoral Xerais

Pangalaica Xurxo Souto Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

Pangalaica

O 17 de marzo de 2020, Xurxo recibe a chamada de María Obelleiro, directora de Nós Diario

A pandemia paralizou a actividade cultural. Pídelle que durante uns días escriba un pequeno texto para ocupar o espazo que deixou a axenda.

É a escusa que precisa. Ao día seguinte aparece “Haberá primavera!”, a primeira entrega dunha longa serie —seis meses de petiscos literarios— para construír toda unha cosmovisión. Persoas e historias marabillosas que foi coñecendo, dende que, hai trinta anos, comezou a percorrer o país co primeiro disco dos Diplomáticos de Monte-Alto, Arroutada Pangalaica.

Edición en galego

Editorial Galaxia