Rivas, Manuel
A Coruña, 1957
Escritor e xornalista. A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo.
Fotografía: Editorial Xerais - Xosé AbadBiografía
A súa obra, escrita en galego, está traducida a máis de trinta linguas e publicada polas máis prestixiosas editoras literarias do mundo. Como narrador ten publicado: Todo ben (1985); «Un millón de vacas» (1989), Premio da Crítica Española; «Os comedores de patacas» (1991); «En salvaxe compaña» (1994), Premio da Crítica Galicia; «Que me queres, amor?» (1996), Premio Torrente Ballester e Premio Nacional de Narrativa; «Bala perdida» (1996); «O lapis do carpinteiro» (1998), Premio da Crítica Española, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Premio Arcebispo Xoán de San Clemente, Premio 50 aniversario da sección belga de Amnistía Internacional (2001); «Ela, maldita alma» (1999); «A man dos paíños» (2000); «As chamadas perdidas» (2002);
«Contos de Nadal» (2003); «Os libros arden mal» (2006), novela, Premio Ánxel Casal ao Libro do Ano, Premio Irmandade do Libro ao Mellor Libro Galego do Ano, Premio da Crítica, Premio Mellor Libro do Ano Libreiros de Madrid, Premio da Crítica Galicia, Premio Losada Diéguez, Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega; «Todo é silencio» (2010), «As voces baixas» (2012), «O último día de Terranova» (2015) e «Vivir sen permiso e outras historias de Oeste» (2018). «Tras do Ceo» (Xerais, 2024) é a primeira novela dunha serie histórica que Manuel Rivas vertebra sobre o eixe da caza do home polo home e a depredación da natureza. Tamén é autor dunha extensa obra xornalística e poética en lingua galega. É codirector da revista «Luzes». Foille concedido o Premio Nacional das Letras Españolas 2024.
Bibliografía: Editorial Xerais
Parada bibliográfica

Un millón de vacas
Este libro nace fundamentalmente da obxervación. Aquí somos así, señores. A través destes relatos, como fogaradas, como rápidas instantáneas, viaxamos por tipos humanos, situacións, contrastes e anécdotas que se presentan como un singular retablo da Galicia que vivimos. Entre o video-clip e o angazo na ría, entre o «turbo» e a corredoira, as parabólicas e o tute subastado, os grupos modernos e a pensión da Seguridade Social Agraria…O periodista non mata ó escritor, enriquéceo. Hai toneladas de sensibilidade nestas páximas que anuncian de primeiras divertimento, un xogo, unha explosión de humor, pero que axiña profundizan tamén na outra cara da realidade, a menos visible, e invitan a exercitar o noso espírito crítico.
Edición en galego
Editoral Xerais

Que me queres, amor?
Dezaseis narracións que enxergan o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco.
Este libro, un dos máis recoñecidos do autor, é un conxunto de relatos que rescatan a grandeza do pequeno. Manuel Rivas ofrécenos unha interpretación lírica, dura e delicada á vez, dun país habitado polo tempo e por xentes que reclaman o seu dereito a ter unha historia que contar. Un libro de extrema sensibilidade, que contén os contos que foron levados ao cine no filme A lingua das bolboretas.
Premio Nacional de Narrativa e Premio Torrente Ballester, este libro de relatos de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) supuxo a súa consagración definitiva como narrador. Un orixinal universo literario que enxalza a grandeza do pequeno, que descobre o milagre do mundo no soño dun saxofonista ou na brancura luminosa do leite fresco. Unha ollada dura e, ao tempo, delicada sobre ese territorio no que a realidade linda cos soños, onde se agocha a verdade de cadaquén.
Edición en galego
Editorial Galaxia

Tras do Ceo
Unha cuadrilla de cazadores, urbanos e con relacións de amizade e negocios, participa nunha batida na que o obxectivo é «O Solitario», un lendario porco bravo, considerado moi perigoso, a quen se lle atribúe unha morte e ataques a participantes noutras cazarías. No escenario agreste da batida, dúas mulleres sendeiristas afrontan unha situación de risco e os cazadores acoden na súa axuda. Despois, o que comeza sendo unha conversa informativa e amábel irá derivando nunha tensa discusión, sobre a caza e outros asuntos da vida, até chegar a un punto de violencia verbal. As mulleres, nai e filla, abraiadas pola situación, deciden fuxir. Dombodán, o máis novo da cuadrilla e o único que é natural de Tras do Ceo, o territorio onde transcorre a historia, vai narrando os feitos que se suceden nunha xornada trepidante. E faino cunha ollada propia, que perturba e engaiola a un tempo, levándonos da comedia ao inferno. A nova obra de Manuel Rivas é unha novela negra radical, salvaxe, sen edulcorantes, e que forma parte dun proxecto literario que ten por fondo a caza do home polo home e a depredación social e natural.
Edición en galego
Editorial Xerais
Edición en castelán
Editorial Alfaguara