Queipo, Xavier

Vigo, 1957

Dende 1990 escribe e publica regularmente en galego.

Fotografía: web Editorial Xerais - Cé Tomé

Biografía

É autor, entre outros libros, de «Ártico e outros mares» (narrativa breve, 1990), «Ringside» (contos, 1993), «O Paso do Noroeste» (novela, 1996), «Malaria sentimental» (novela, 1999), «Papaventos» (novela, 2001), «O ladrón de esperma» (contos, 2001), «Os ciclos do bambú» (contos, 2003), «Glosarios» (poesía, 2004), «O espello e o dragón» (literatura infantil, 2005), «Dragona» (novela, 2007), «Caderno da Revolución Cultural» (crónicas radiofónicas, 2007), «Saladina» (novela, 2007), «Felices e diferentes» (crónicas radiofónicas, 2009), «A illa dos cangrexos violinistas» (literatura infantil, 2009), «Cartas marcadas» (ensaio, 2010), «Ártico 2.0» (narrativa breve, 2011), «Extramunde» (novela, 2011, Premio Xerais de Novela, Premio Arcebispo San Clemente); «55» (relatos, 2014), «Os Kowa» (novela, 2016, Premio Eduardo Blanco Amor 2015), «Home invisíbel (poesía, Premio Illas Sisargas de poesía erótica, 2018), «Minutos para medianoite» (poesía, escrito a catro mans con Ramón Neto), «Corazón de Manteiga» (novela, 2020) e «Final feliz» (relatos, 2022).

Membro do Dichterscollectif van Brussel dende 2007. Recibiu varios premios en Galicia, entre eles o Premio Xosé María Álvarez Blázquez ao mellor escritor galego en 2011, o Premio da Crítica española en 1991 e o Premio Nacional de Tradución do Ministerio de Cultura (en colaboración), pola tradución do «Ulysses» de Joyce ao galego (2014). Participou en numerosos libros colectivos e antoloxías. Traduciu do francés ao galego a Amin Maalouf e Hervé Guivert, e do inglés a Conrad e Joyce. Obras súas están traducidas ao castelán, portugués, francés e italiano.

Bibliografía: Editorial Xerais

Paradas bibliográficas

Ártico 2.0 Xavier Queipo autor do Mapa Literario de Vigo

Ártico 2.0

A pegada do mar e dos océanos xeados é unha constante na narrativa de Queipo, que experimenta coa escritura baixo a sombra tutelar de Borges e Jack London, de Conrad e Francisco Coloane. Libro de libros e de océanos, relatos de viaxe, ficcións que descobren personaxes e historias ignotos, mundos polo de agora inexplorados.

Edición en galego

Editorial Galaxia

55 Xavier Queipo autor do Mapa Literario de Vigo

55

Para celebrar o 55 aniversario da súa vida, Xavier Queipo presenta 55, unha colección de 55 relatos (56 se contamos o limiar, sempre evocador). A pegada do mar e dos océanos, o abraio diante das marabillas da natureza, as viaxes e as aprendizaxes que veñen prendidas tras dos ollos, as experiencias e soños dunha vida xa non curta.

Edición en galego

Editoral Xerais

Final Feliz Xavier Queipo autor do Mapa Literario de Vigo

Final Feliz

Os de «Final feliz» son relatos en carne viva, un mando de historias para espertar conciencias ou establecer a ponte entre o real e o imaxinario, entre o que non se conta e o que agroma do subconsciente. A través delas sentimos o voo dos estorniños nun ceo de Istanbul envurullado en murmurios do Oriente; abrimos o armario encaixado na súa coiraza de pedra para deixar fuxir os fantasmas sexuais en gloriosa promenade; vemos medrar a hedra do tempo no medio dunha gran nevarada en Viena; notamos o vaivén das ondas nos afastados mares de Terranova. Xavier Queipo preséntanos historias impregnadas de sensacións oníricas, que asentan nas lecturas, na experiencia vivida, na observación da natureza, e que conforman un novo elo no universo literario do seu autor.

Edición en galego

Editoral Xerais

Algoritmos Xavier Queipo autor do Mapa Literario de Vigo

Algoritmos

“Un exercicio de análise, de pensar fóra da norma, de expresar ideas e sentimentos con estas notas heteróclitas, aloucadas ás veces e excesivamente racionais outras, para construír o meu relato”, que diría Queipo.
Nestes Algoritmos non hai trama, senón unha variada galería de personaxes, lecturas e rememoracións, máis ben pretendidas intimidades intelectuais. Non son un dietarios, nin tan sequera unha compilación, senón unha secuencia de ideas acoutadas entre 2011 e 2018. Felizmente inclasificábeis, como tantos outros textos de Xavier Queipo, estes algoritmos reflicten dalgún xeito que son os propios algoritmos a ideoloxía dominante neste tempo de dúbidas e incertezas, que temos que apandar con eles, coñecelos e dominalos, mesmo para seguir exercendo o oficio de escribir.
Edición en galego

Editorial Galaxia