Oroza, Carlos

Viveiro, 1923 – Vigo, 2015

«Paseo mi derrota por las calles de Vigo»

A actitude errante e desapegadiza de Carlos Oroza non é proclive á construción dunha biografía ao uso.

Fotografía: Asociación Évame Oroza - web

Biografía

Vive entre os anos corenta e setenta en Madrid, onde se dedica exclusivamente á poesía, e convértese nun destacado poeta coñecido polos seus excelentes recitais. É aquí onde constrúe o núcleo da súa obra: un extenso poema oral. A elaboración e o axuste da súa poesía dependeu sempre da súa oralidade radical: nunca necesitou escribir para lembrar.

O primeiro número da revista Tropos abre cunha extensa entrevista acompañada dos seus versos. É Premio Beat e Premio Internacional de Poesía UnderGround. Viaxa recitando dentro e fóra de España e vive unha tempada en Ibiza. Durante os anos setenta reside intermitentemente no Caurel (Lugo), desde onde se despraza para dar numerosos recitais.

En 1974 publica, alentado polo poeta Uxío Novoneyra e o pintor Reimundo Patiño, Elencar, na vangardista editorial madrileña Tres.Catorce.Diecisiete. Poeta raro, figura e personaxe da bohemia madrileña, voz única da poesía española, con seguidores e sen discípulos. Carlos Oroza viviu en Vigo, moi preto do mar, o elemento que guía a súa última poesía.

En 2012 a Editorial Elvira compila a súa poesía completa en Évame e dedícalle tres edicións especiais aos seus versos que, como ríos automáticos, arrástrannos lonxe e moi dentro do real.

Obra destacada:
Elencar (Tres.Catorce.Diecisiete, Madrid, 1974)
Cabalum (Ediciós do Castro, A Coruña, 1980)
En el norte hay un mar que es más alto que el cielo (Servizo de Publicacións Diputación Provincial de Pontevedra, 2005)
Évame (Editorial Elvira, Vigo, 2012)

Bibliografía: Círculo de Bellas Artes de Madrid

 

Parada bibliográfica

Évame Carlos Oroza autor do Mapa Literario de Vigo

Évame

Contadas voces, na poesía hispana de hoxe, tan poderosas e esenciais. Perténcelle un dominio que lle é case exclusivo; o dobre orgullo do absoluto e da súa ocultación. Poucos teñen tanto dereito a ser chamados mestres, de non ser tal denominación incompatible co radical do seu xesto, con esta poesía en mutación sempre en pos de si mesmas.