Nicolás, Ramón
Vigo, 1966
Profesor e crítico literario.
Fotografía: Arquivo AELG - Distrito Xermar
Biografía
Escribe semanalmente nas páxinas do suplemento Fugas de «La Voz de Galicia» e con asiduidade no blog literario Caderno da crítica. É membro da Fundación Celso Emilio Ferreiro e doutras asociacións críticas e literarias, alén de dirixir a colección Biblioteca das Letras Galegas de Xerais.
Asinou diversas traducións e ensaios, ademais de estudar a obra de autores como Manuel Luís Acuña, Manuel Lueiro Rey, Álvaro Cunqueiro, Ramón Cabanillas, Lugrís Freire ou Celso Emilio Ferreiro. Os seus últimos libros foron a biografía «Onde o mundo se chama Celso Emilio Ferreiro» (Xerais, 2012), «Antoloxía do Rexurdimento» (Xerais, 2024) e as novelas «O espello do mundo» (Xerais, 2016) e «Lapis na noite» (Xerais, 2018).
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

O espello do mundo
Martiño recibe o encargo de desentrañar os contidos duns documentos de moita antigüidade que teñen que ver co devir histórico dun convento de monxas denominadas «onas». Neles emerxe Ona Guiomar, a abadesa de San Pedro de Ramirás, que mantén unha enigmática correspondencia co estranxeiro. O espello do mundo, primeira novela de Ramón Nicolás, presenta un feitío de novela histórica, incorporando textos de orixe documental, que por veces son pura fabulación e outras non, ao servizo do deseño dunha época esvaecida na historia de Galicia que cobra, agora, unha nova perspectiva. A conexión coa trama histórica, enraizada no cenobio feminino de San Pedro de Ramirás (Ourense), vincúlase, ideolóxica e espiritualmente, con determinadas correntes relixiosas da Alemaña da época e particularmente coa figura de Hildegarda von Bingen. A esta realidade asómase Martiño, quen deberá afondar na revelación dos segredos que se atesouran nunha relación epistolar inédita con contidos altamente reveladores.
Edición en galego
Editoral Xerais

Lapis na noite
«Lapis na noite» bebe no pozo da memoria de Galicia e Arxentina para percorrer épocas convulsas en que as ditaduras aniquilan as ilusións de liberdade, aquén e alén do océano. Achégase ás vivencias do exilio, revela as descubertas que supón o descoñecido e afonda no esgazamento interior que xera mergullarse nunha nova identidade. Ao tempo, focaliza a atención nas vidas e familias truncadas polo franquismo e, sobre todo, naquelas que protagonizou unha mocidade combativa e esperanzada que, por acreditar nun mundo mellor, caeu nas gadoupas da maquinaria represiva da ditadura cívico-militar arxentina (1976-1983). Porque a memoria do que os lapis escribiron nunha noite indigna segue viva e aínda nos ilumina, é este un libro que quere pasar a man por algunhas das cicatrices máis recentes dunha historia pola que circulan numerosos ríos subterráneos que, ao saíren á superficie, amosan un caudal conformado por pequenos e grandes exemplos de heroísmo, amor e resistencia.
Edición en galego
Editoral Xerais