Mene, Álex

Vigo, 1969

Doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid, cidade onde tamén se especializou en Realización e Produción no Instituto Oficial de Radio e Televisión

Fotografía: Arquivo AELG - Distrito Xermar

Biografía

Na actualidade exerce de catedrático de Debuxo nun instituto público de Galicia. No ano 2018 publicou o álbum ilustrado A raíña das tortas. Con Indómita e a semente da inmortalidade gañou o I Certame de Literatura Infantil e Xuvenil “Muíño do Vento”. En 2020 obtivo o 3º premio no Certame de narracións breves Manuel Murguía polo texto titulado A herdeira, relato que se publicou no volume colectivo A garza en chamas.

En 2021, publicou a novela Ana e as súas irmás e recibiu o premio de poesía Concello de Carral polo seu primeiro poemario, titulado Os puntos do impacto, ano en que tamén publicou o álbum ilustrado A encantadora de Serpes. En 2023, publicou a novela A luz nos teus ollos.

Bibliografía: Editorial Galaxia

 

Paradas bibliográficas

Ana e as súas irmás Alex Mene autor do Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

Ana e as súas irmás

Ana e as súas irmás xermolou coma unha homenaxe á comedia dialogada de Woody Allen. O título fai referencia á longametraxe Hannah and her sisters. Mais as intencións non sempre están en relación directa cos obxectivos acadados e, no proceso de escritura, o argumento foi transformándose de tal xeito que perdeu o diálogo e case toda a comedia.

A protagonista desta historia, Ana, naceu con espiña bífida e serios danos no ril. O libro comeza no momento en que recibe a chamada para someterse ao segundo transplante. Mentres vai camiño do hospital, a ambulancia convértese nun faro que alumea a negrura da noite e as lembranzas da protagonista. Para enfrontarse a esa batalla, Ana conta cunha arma poderosa: o amor incondicional das súas irmás.

Edición en castelán

Editorial Tandaia

O amante expresionista Alex Mene autor do Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

O amante expresionista

O amante expresionista narra a biografía dun home que percorre diferentes cidades e países na procura da súa identidade até que a atopa en Galicia. Unha viaxe iniciática que o levará por Vigo, Barcelona, Madrid, Valencia, A China, O Xapón, Suíza e O Canadá. O libro constitúe unha reflexión sobre a paternidade desde dous puntos de vista: a do pai e a do fillo. O amante expresionista é, tamén, unha homenaxe á historia do cine. Un relato que trata da maxia das imaxes, do fado, dos lazos de sangue e dos emocionais, das linguas, da importancia de amar e daquilo que perdemos consonte vai transcorrendo a vida que nos leva.

Edición en galego

Editorial Galaxia