Mejuto, Eva
Sanxenxo, 1963
estudou Xornalismo na USC e traballou no sector editorial infantil desde 1998 ata 2016, primeiro en Kalandraka e despois en OQO. Actualmente forma parte do proxecto Capicúa de xestión cultural.
Fotografía: editorial Xerais - web
Biografía
Foi docente durante dez anos no máster «Libro ilustrado e animación audiovisual» da Universidade de Vigo e fixo a súa tese de doutoramento sobre o realismo social no álbum ilustrado. É autora de diversas adaptacións de contos tradicionais para formato álbum ilustrado, traducidas a máis de dez idiomas.
En Xerais ten publicadas as novelas »22 segundos» (2017), »Memoria do silencio» (2019), »A ladroa da biblioteca de Meirás» (2022), coas cales quedou finalista do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, así como a novela infantil O día que choveron gatos (2023) (obra finalista do Premio Merlín en 2022) e o álbum ilustrado por Víctor Rivas »Dez gatiñas viaxeiras» (2019). Xunto á ilustradora Bea Gregores publicou os álbums »A lavandeira de San Simón» (Xerais, 2020) e »Cando leo» (Xerais, 2022).
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Memoria do silencio
Estación de tren de Ribadavia, verán de 1943. Günter busca ascender na Gestapo destapando unha trama internacional que axuda os xudeus a chegar a Portugal e abandonar Europa. Lola é unha muller brava e xenerosa, que cre na xustiza por riba de todo e arrisca a vida por axudar a quen o necesita. Frieda foxe da Holanda nazi e do seu pasado, arelando empezar unha nova vida en América como directora de orquestra. Tempos difíciles onde o medo e o silencio tecen unha rede de segredos e intrigas cun fin último: a liberdade. Novela a tres voces que explora, entre ficción e realidade, un capítulo pouco coñecido do noso pasado recente: Galicia durante a II Guerra Mundial. Eva Mejuto regresa á narrativa xuvenil con Memoria do silencio, finalista do Premio Jules Verne, logo da súa incursión con 22 segundos (Xerais 2017).
Edición en galego
Editoral Xerais

A lavandeira de San Simón
«Nunca vira esta parte da illa, nin a torreta nin o enreixado, nin os gardas cos fusís que vixiaban, nin os centos de homes que agardaban detrás deles, coa fame e o medo nos ollos. Desde a nosa casa só se vían unhas poucas árbores e a ponte. Máis nada. As cousas non sempre son como parecen…»A illa de San Simón foi, durante a Guerra Civil, cadea e campo de concentración de máis de seis mil homes inocentes. Moitas foron as mulleres que axudaron, desinteresadamente, a facerlles máis soportable a condena levando comida e roupa limpa á illa. Esta é unha de tantas historias de mulleres e crianzas que padeceron a represión e a inxustiza, e que loitaron por cambiar o mundo que lles tocou vivir.
Edición en galego
Editoral Xerais