Luaces, Beto
Montevideo, 1969
En 1978, os seus pais emigrantes galegos, acordan regresar a Galicia e el vai con eles.
Fotografía: arquivo do autor
Biografía
No mes de maio, dese ano, pasa de vivir na capital charrúa a unha aldea da serra do Suído. O impacto é inevitable e en troques de afectalo, queda marabillado coa descuberta das xentes da serra e das súas tradicións. Todo é novo e máxico. Mais a familia non demora en se instalar na cidade de Vigo, aínda que sempre que pode, regresa á aldea. A conexión co Suído consolidase na súa adolescencia e xa non hai quen a derrame. Logo, reside en Santiado de Compostela para cursar os estudos de Filoloxía Galega e Portuguesa. Sen embargo, non remata a carreira e acorda que a súa vida laboral discorra polos vieiros da Administración de Xustiza en Vigo, alí traballa como funcionario e reside na actualidade.
Bibliografía: Editorial BolandaParadas bibliográficas

Vicvs: Un lugar común
O protagonista é un arquitecto vigués que nun momento transcendental da súa vida vese na obriga de resolver un problema derivado do pasado dos seus pais como emigrantes en Caracas. Alí Senén Barreiro baterá co mundo da emigración galega e cun libro de sona e ben polémico na nosa literatura. De regreso a Vigo, a trama acelérase e xorde a poderosa e descoñecida Serra do Suído.
Edición en galego
Editorial Bolanda

Vicvs: Un lugar aquelado
A segunda entrega da serie de novela negra que asina Beto Luaces centra a trama no mundo da conserva viguesa. O asasinato dun dos últimos representantes da “estirpe empresarial máis grande de Vigo” escabechado na súa propia fábrica leva á viúva a contratar ao detective Manuel Peixoto para descubrir que pasou. Polo camiño, descubrirá a historia da actual cidade de Vigo ligada inexorablemente ao mundo da conserva. O ex-policía expulsado do corpo tras os sucesos da primeira novela é agora o protagonista mentres o arquitecto Senén Barreiro pasa a un segundo plano. Quen segue moi presente de novo é a poderosa e enigmática serra do Suído.
Edición en galego
Editorial Bolanda

Vicvs: Un lugar afastado
UN LUGAR AFASTADO é a terceira entrega da serie de novela negra denominada Vicvs e iniciada co libro Un Lugar do Común. Aquela primeira novela foi o quilómetro cero da historia ideada por Beto Luaces. Na segunda novela , titulada Un Lugar aquelado , o protagonista principal era o detective privado Manuel Peixoto, amigo inseparable de Senén Barreiro e a trama atinxira o mundo da conserva viguesa. Era o seu primeiro caso importante como investigador privado, logo da súa expulsión da Policia Local viguesa . Nesta terceira entrega, Catarina Barreiro asume un rol moi destacado, aínda que Manuel Peixoto continúa a ser o protagonista principal. A súa vida mudou moito. Tanto , que está moi descolocado, mais o que non mudou foi que continúa coa súa actividade profesional de investigador privado e a trama lévao, novamente, cara á serra do Suído para descubrir a existencia dun personaxe mítico e uns macabros imitadores …. E, por suposto, a cidade de Vigo segue a estar moi presente na trama como un personaxe máis.
Edición en galego
Editorial Bolanda

Vicvs: Un lugar elevado
Con esta cuarta entrega, Beto Luaces supera a triloxía e evanza na serie. Desta volta, o detective Manuel Peixoto ten que afrontar un reto… ben elevado. Un accidente deportivo na serra do Suido desencadea a trama que chega á cidade de Vigo. Un novo relato en clave de xénero negro, ben enfiado e que bascula cara o pasado, ensarilla o presente e ameaza o futuro dun dos piares onde se asenta o progreso da cidade máis grande e poboada de Galicia. O odio como motor das vidas derramadas o mal fado que recunca nas familias con cada xeración.
Edición en galego
Editorial Bolanda