Fuentes, Moncha
Marín, 1952
Licenciada en Filoloxía Románica e reside en Vigo, onde exerceu a docencia no IES Santa Irene.
Fotografía: Editorial Xerais - web
Biografía
Tradutora e colaboradora en obras colectivas e revistas de divulgación, coma os «Cadernos Ramón Piñeiro» ou «A Trabe de Ouro». Ten publicadas as novelas «O mar que nos leva» (Xerais, 2019), Premio da Crítica Galega (Creación), e «O tradutor de sombras» (Xerais, 2022).
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

O mar que nos leva
Premio da Crítica Galega (Creación), 2019
Cun comezo fascinante e unha enorme capacidade evocadora, O mar que nos leva é unha novela que nos arrastra, da man dunha muller chamada Mariña, pola memoria persoal, política e social das loitas obreiras do Vigo de 1972, dos movementos estudantís do ano 68 en Compostela e da emigración a Bos Aires dos anos 30. Esta é unha novela narrada con enorme detallismo e minuciosidade na descrición de atmosferas, espazos e territorios físicos e emocionais, que fai gala dun rexistro lingüístico brillante. Nun momento crítico da súa vida, Mariña Brei percorre o seu pasado e o da súa familia, desde Mens a Pontevedra, dándolle forma a unha novela espléndida, ateigada de referencias literarias e políticas, de conflitos persoais, que envolve aos lectores e lectoras nun remuíño de sensacións e intensas vivencias.
Edición en galego
Editoral Xerais

O tradutor de sombras
Con «O tradutor de sombras», volve a narrativa singular da escritora Moncha Fuentes á actualidade para arrastrar o lector nunha novela hipnótica que comeza en Ourense e remata en Vigo pouco antes do inicio da pandemia. Entre a realidade e a desmesura, Roque Corbal procura no alcohol e na tradución un refuxio contra as súas propias pantasmas. Ao longo da súa crise interior, irá entregándolle a palabra a personaxes tan relevantes que deseñarán a arquitectura coral de «O tradutor de sombras». Coñeceremos a Néstor, as súas vivencias políticas e a traxedia persoal que o envolve; vibraremos con Camila Ferro e coa súa turbadora historia de amor e morte; latexaremos coa experiencia psiquiátrica de Arcadio Corbal e atravesaremos a face máis esgazadora da doenza mental nas voces trémulas de Inés Lostre e Simón Cibeira. Fondamente marcada polo ritmo -unhas veces sosegado; outras, frenético e mesmo, en ocasións, aloulado- na novela desprégase nunha polifonía de tons diversos e disonantes que acadan a harmonía no conxunto final. A confirmación dunha autora que con «O tradutor de sombras» presenta unha orquestra poderosa contra a morte e o esquecemento.
Edición en galego
Editoral Xerais