Ferreiro, Celso Emilio
Celanova, 1912 – Vigo, 1979
Iniciou desde moi novo unha actividade política e literaria que estaría sempre marcada polo compromiso co país.
Fotografía: web - Real Academía Galega (RAG)
Biografía
Cando estalou a guerra, foi obrigado a se incorporar ao exército franquista, condenado a morte e posteriormente indultado. En 1948 fundou en Pontevedra a colección Benito Soto. Establecido en Vigo desde 1949, publicou «O soño sulagado» (1954, Xerais 1991) e dirixiu a colección de poesía Salnés, onde saíu «Longa noite de pedra» (1962, Xerais 1990, Xerais 2002). O impacto desta obra foi enorme, esgotada e multicopiada de man en man. Celso Emilio pasou a ser o símbolo da corrente socialrealista. En 1966 marchou a Caracas, onde se enfrontou co sector máis reaccionario da colectividade galega, contra o que escribiu «Viaxe ao País dos Ananos» (1968, Xerais 2004), poemario co que inicia un rexistro satírico que continuará en «Cantigas de escarnio e maldicir» (1968), no romance de cego «Paco Pixiñas» (1970), en «Os autentes» (1973) e mais en «Antipoemas» (1972).
En 1973 instalouse en Madrid. Son desta época os poemarios «Cimenterio privado» (1973), «Onde o mundo se chama Celanova» (1975, Xerais 1991) e o «Libro dos homenaxes» (1979). Como narrador publicou dous únicos libros: «A fronteira infinda» (1972, Xerais 1988) e «A taberna do galo» (1978). Con motivo do vinte e cinco aniversario do seu pasamento, Xerais iniciou a edición das súas obras completas, das que se levan publicado os volumes «Obra narrativa» (Xerais 2003), «Poesía galega completa» (Xerais 2004), «Semblanzas, crónicas e artigos» (Xerais 2005) e, agora, «Birimbao. Poemas de mí para ti (1937-1939)» (Xerais 2020).
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Poesía galega completa
Poesía galega completa reúne toda a obra poética en galego de Celso Emilio Ferreiro, reproducida dun xeito fiel nesta coidadosa edición a cargo do crítico Ramón Nicolás, desde os primeiros versos de Cartafol de poesía ata o seu derradeiro e póstumo Libro dos Homenaxes, pasando por poemarios clásicos da nosa literatura que reafirman os logros estéticos de Celso Emilio: O soño sulagado, Longa noite de pedra, Viaxe ao País dos Ananos ou Onde o mundo se chama Celanova. Esta edición enriquécese cun importante número de composicións inéditas que converten este volume nunha proposta actual para redescubrir a un poeta singular e irrepetible.
Edición en galego
Editoral Xerais