Monteagudo, Xosé
Moraña, 1965
Licenciado en Dereito, comezou a súa traxectoria literaria ao obter o accésit no premio Modesto R. Figueiredo do ano 2001 co relato «O engado do triángulo».
Fotografía: Editorial Galaxia - Noel QueipoBiografía
Obtivo o premio Blanco Amor en 2002 coa súa primeira novela, As voces da noticia. En 2006 publicou Esta historia. Coa súa terceira novela, Un tipo listo, conseguiu o premio García Barros en 2009 e foi finalista do premio Frei Martín Sarmiento en 2011. En 2012 publicou O curioso mundo das persoas normais.
En 2016, Todo canto fomos, novela unanimemente eloxiada pola crítica, que acadou un grande éxito lector e coa que obtivo en 2017 o Premio á mellor obra narrativa na Gala do Libro Galego e mais o Premio San Clemente.
Bibliografía: Editorial Galaxia
Paradas bibliográficas

Un tipo listo
Un tipo listo iníciase coa morte do director dunha sucursal bancaria de Vigo. A aparición do cadáver leva á descuberta dun desfalco de grandes proporcións. Os dous fillos do presunto autor convértense nos principais sospeitosos dunha complexa trama financeira de repercusións imprevistas. Pero a acción da xustiza é quizais a consecuencia menos grave dunha situación na que a escura personalidade do pai lles revela un inquedante legado ao que teñen que enfrontarse.
Edición en galego
Editorial Galaxia

Todo canto fomos
Unha mestra que loita contra a desigualdade e os prexuízos sociais nunhas circunstancias difíciles. Un escritor de novelas policiais, residentes en Londres, que descobre unha verdade sorprendente entre os papeis do legado da súa nai. Unha moza que persiste nun noivado secreto e prohibido. Un emigrante galego na Arxentina que non esquece a súa orixe mentres anda en procura do éxito económico. Un historiador que, arrastrado pola violencia dos acontecementos, lembra os momentos cruciais da súa vida. Estes son algúns dos personaxes que compoñen unha trama na que a normalidade é só a aparencia baixo a que se ocultan misterios inquietantes. Todo canto fomos é unha novela que percorre máis de un século de historia galega para devolvernos o relato dun pasado que segue alentando no presente.
Edición en galego
Editorial Galaxia

Eternity
Cando alguén morre, ¿que queda, á parte dun nome nunha lápida? ¿Canta xente e durante canto tempo se lembran del? Para asegurarse de que a historia da vida, de que a historia de cada unha das vidas se preserva, Dalmao, un mozo licenciado universitario, decide crear Eternity. Un lugar en Internet onde a memoria virtual das persoas se ha conservar perenne e indeleble, tal e como a lembran os seus achegados. A el únense Larisa, Daniel e Héitor. Catro enxeñeiros informáticos que precisan de alguén máis que domine varias linguas e saiba redactar: a protagonista desta novela. O que ela non sospeita é que a historia das vidas dos demais a ha levar a descubrir as orixes da súa propia e agochada historia.
Edición en galego
Editorial Galaxia

Vémonos mañá
A finais de xuño de 1986 Bibiano sae de México para regresar a Galicia, a súa terra natal, que non pisa desde hai medio século. Ese mesmo día, Josefina, a muller coa que casara en 1929, lembra na súa casa de Pontevedra a felicidade e os dramas da súa xuventude. Agora pretende velo para oír dos seus labios as explicacións que leva demasiado tempo agardando. «Vémonos mañá» é o relato da súa relación e das circunstancias singulares que mudaron as súas vidas, pero non conseguiron cambiar os seus ideais. A historia dunha muller que coñeceu o triunfo e a represión das súas ideas e que loitou incansablemente, sen darse nunca por vencida. E, ao mesmo tempo, o retrato dun home que sempre considerou que a ciencia debía estar ao servizo do progreso e da dignidade humana e que pagou un alto prezo polas súas conviccións. «Vémonos mañá» presenta nun mesmo plano a resistencia valente e silenciada das vítimas e as accións públicas de quen puxo toda a enerxía en combater a represión. Unha impactante historia de amor e compromiso que amplía o enfoque da loita pola liberdade para mostrarnos o protagonismo feminino na retagarda como a outra cara do ardor bélico na batalla. Unha novela baseada na historia real de Josefina Arruti e de Bibiano F. Osorio-Tafall, que se le co magnetismo da ficción máis trepidante.
Edición en galego
Editoral Xerais