Veiga, Manuel
Monforte de Lemos, 1960
Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía e licenciado en Ciencias da Información.
Fotografía: Real Academia Galega - Antonio GutiérrezBiografía
En 1983 entrou a formar parte da redacción do semanario «A Nosa Terra», periódico que dirixiu entre 2007 e 2010. No ano 2004 gañou o premio Xerais coa novela «O exiliado e a primavera» e, en 2006, o Manuel García Barros con «Lois e Helena buscándose un día de tormenta». Outras obras súas son «O profesor de vegliota», novela (Xerais, 2008), «Do G ao Z.
Dicionario indignado e humorístico» (Xerais, 2012) , «O pacto galego na construción de España», «Manuel María, buscando un país» (Xerais, 2016), «Todo ser humano é un río» (Xerais, 2016), «A parte queimada. Stalin & Robespierre» e «As mellores tendas de Madrid» (Xerais, 2021). Colabora en «Nós Diario» e no blog «Biosbardia».
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Lois e Helena buscándose un día de tormenta
Premio García Barros 2006
Lois esperta un día pola mañá cedo e descobre que a súa muller xa non está na casa. Tampouco responde as chamadas telefónicas. A angustia da soidade inesperada, do descoñecemento e do temor, acaba por abrirse paso cara o temido fracaso da parella, a separación.
Cunha prosa musical e mordaz, Manuel Veiga (Monforte de Lemos, 1960) fai confluír nesta novela, gañadora do Premio García Barros 2006, a historia dun home e dunha muller que se buscan e a dunha cidade, metáfora do Vigo actual, que, coma eles, tamén quere recoñecerse e aceptarse nas súas grandezas e nas súas miserias, no seu pasado e no seu presente.
Edición en galego
Editorial Galaxia

O profesor de vegliota
Tras ser depurado e coa intención de non poñer en perigo a súa muller e a súa filla, o profesor de idioma regresa a Puebla, a súa cidade natal, na derradeira viaxe do tren arrancatravesas. En Puebla pretende ocultar os dous mecanoscritos, que conseguiu salvar tras a última incautación da súa computadora, onde recolleu as súas investigacións sobre o vegliota, unha lingua que durante un tempo chegou a ter a súa pequena idade de ouro, mais que agora desaparece irremediablemente tras a imposición da lingua oriental como a única oficial.O profesor de vegliota de Manuel Veiga é, en parte un relato policial, con ingredientes de novela de misterio e atmosfera de ciencia ficción, que se ofrece como un laio desesperado por unha perda. Unha novela impactante, talvez un ensaio sobre o futuro da lingua, sobre as posibilidades de sobrevivir sendo diferentes, sobre a identidade, sobre a resistencia e sobre as contradicións que supón esta loita.
Edición en galego
Editoral Xerais

Os xornalistas utópicos
Nesta novela mestúranse voces, xéneros e escenarios (Vigo, Madrid, Monforte, Porto ou San Francisco) até compoñer un fresco de trinta anos de historia, dende 1977, ano das primeiras eleccións democráticas, pintado coa pincelada subxectiva duns personaxes situados sempre entre o realismo atroz e a utopía paródica. Os xornalistas utópicos preséntanos as tripas dunha profesión desde o seu lado marxinal, pero tamén honesto, nun tempo no que os propios informadores se encontran no centro da polémica. Unha novela sorprendente, sobre todo polo seu estilo directo, ás veces conversacional, polos seus cambios de ritmo, que fan que nos preguntemos sempre polo que virá despois, e polo seu humor capaz de transformar páxinas, aparentemente descritivas, nun campo de minas. Manuel Veiga achéganos, sen dúbida, a súa mellor novela até hoxe, unha narración que ben poderiamos denominar biografía ficcionada, na que ao lector ou lectora non lle resultará difícil recoñecerse.
Edición en galego
Editoral Xerais