Alonso, Álex
Vigo, 1968
Licenciado en Filoloxía Galega e Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e na actualidade traballa como tradutor intérprete da Administración de Xustiza na Audiencia Provincial de Pontevedra.
Fotografía: Arquivo AELG - Distrito Xermar
(Alberte sánchez Regueiro)
Biografía
En 2003 recibiu a mención especial do xurado do XII Certame Manuel Murguía de narracións breves pola obra «Estremonías»; en 2010 gañou o VI Certame de relatos de muller Matilde Bares por «Xénero imperfecto».
En 2016 resultou gañador do Premio denarrativa curta Ánxel Fole con «Tempos de bebidas isotónicas e fast-food» (Xerais). A novela «Granito» (Xerais 2020) logrou ex aequo o Premio Torrente Ballester.
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Tempos de bebidas isotónicas e fast-food
Tempos de bebidas isotónicas e fast-food está constituído por trinta relatos breves que deitan unha ollada, unhas veces de gran angular, outras de teleobxectivo, sobre as contradicións e o devalo da sociedade galega do noso tempo. A utilización preferente da primeira persoa como voz narradora testemuñal, axustada en cada relato ao rexistro do personaxe, confírelle rotundidade e credibilidade a cada unha destas historias mínimas. Un humor marabilloso, sutilmente retranqueiro, e un coidado rexistro lingüístico coloquial, impregnado cos aromas dos viguismos e das variantes da fala popular das Rías Baixas, tiran dunha lectura tan engaiolante como acedamente divertida para configurar un libro que berra, que protesta, que denuncia.
Edición en galego
Editoral Xerais

Granito
Baseada no famoso crime de Nigrán acontecido en xaneiro de 1994, esta novela de Álex Alonso, galardoada co Premio Torrente Ballester, reconstrúe con pericia os acontecementos durante os cales dous policías asasinaron catro persoas da familia dun coñecido empresario do granito no seu chalé tras un intento de extorsión. Fronte ao concepto de novela de non ficción, tan vencellada ao escritor Truman Capote en «A sangue frío», Álex Alonso aposta aquí pola ficción, iso si, elaborada a partir dun enorme traballo de documentación xornalística. «Granito» conta o salto ao baleiro de dous seres que xa levaban o fracaso marcado nas súas costas, nunha acción completamente improvisada, sen reflexión nin preparación previas: a acción case suicida de dous policías que non tiñan nada que perder. Ao mesmo tempo, a novela convértese nunha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galicia.
Edición en galego
Editoral Xerais

O estranxeiro
Nun dos seus ires e vires polas rúas de Vigo, Manuel María Pereira Nespereira acaba coa vida dun home nos servizos da estación de autobuses da cidade mediante o infalible método de meterlle a cabeza dentro dunha bolsa de plástico do Mercadona. Tras a súa detención, dá comezo un delirante xuízo no que o acusado trata de xustificar a súa criminosa acción. Unha obra que se move no gume do surrealismo e na que, baixo o humor negro que preside a proposta, se agocha unha mordaz crítica á sociedade actual, aos seus principios e valores e á voluble xustiza que decide o que é delito e o que non. A medio camiño entre «A conxura dos necios» e a novela de Albert Camus da que toma prestado o título, «O estranxeiro» constitúe unha reformulación da novela humorística, afondando nos mecanismos que manexa este xénero e ampliando as súas estremas, referencias e espazos clásicos.
Edición en galego
Editoral Xerais