Coimbra, Francisco
Madrid, 1986
Galego por adopción e por narración, pasou varias tempadas en Santiago de Compostela durante os anos da súa licenciatura en Filoloxía Románica.
Fotografía: Editorial Xerais - web
Biografía
Máis tarde trasladouse ao Brasil, onde fixo o doutoramento en Estudos da Tradución e traballou como profesor na Universidade Federal do Paraná durante dez anos. Dende 2022 vive en Múnic, Baviera (Alemaña), e continúa a ensinar as linguas románicas na Ludwig-Maximilians-Universität. Nestes últimos anos, as súas actividades académicas levárono a organizar dous volumes dedicados á situación internacional do portugués e do galego na actualidade: «Línguas em português: a Lusofonía numa visão crítica» (U. Porto-Press, 2020) e «Português língua não materna: contextos, estatutos e práticas de ensino numa visão crítica» (U. Porto-Press, 2022).
A súa paixón polas linguas é a forza motora da súa literatura. Coa súa primeira novela, «Crónica Córnica», foi finalista do Premio Xerais (2016) e posteriormente publicou «Unha saca de patacas» (Xerais, 2023). Ademais ten varios poemas e un conto publicados na Revista de Estudos Galegos da UCM «Madrygal». Gústanlle moito as patacas (principalmente frixidas).
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Unha saca de patacas
Unha muller galega desembarca no porto de Macau cunha saca chea de patacas. Vai visitar a súa sobriña e lévallas como agasallo de Galicia, pero o que ela descoñece é que a moeda de curso legal nesa rexión chinesa tamén recibe o nome de pataca. Entre os garduños do lugar, que viven de depenar turistas nos casinos macaenses, axiña comeza a correr o rumor dunha rica estranxeira, ao tempo que aparecen outros personaxes dispostos a protexer o tesouro da protagonista. A partir dese equívoco vaise urdindo unha narración chea de peripecias que nos leva por lugares de luxo, onde os cartos se desbalden a feixes, pero que tamén se achega á existencia silandeira dos subalternos, das persoas que viven á marxe de tales excesos. Nesta novela de Francisco Coimbra, a lingua galega, decididamente aberta á súa diversidade, gaña un papel central tanto na construción da voz narradora como no diálogo que os personaxes tecen co autor e coas lectoras e lectores, convidándonos a unha reflexión sobre as contradicións flagrantes do noso presente.
Edición en galego
Editoral Xerais