Aleixandre, Marilar
Madrid, 1947
Vive en Galicia dende 1973. Doutora en Bioloxía. Catedrática de Ciencias Naturais de Ensino Medio. Catedrática de Didáctica das Ciencias na Universidade de Santiago de Compostela. É membro da Real Academia Galega.
Fotografía: Arquivo AELG - Distrito Xermar
Biografía
Colaboradora das revistas «Nó», «Luzes de Galiza» e «Festa da palabra silenciada». No eido da poesía, recibiu o Premio Esquío por «Catálogo de velenos» (1999), o premio Caixanova por «Mudanzas» (2008), tendo publicado, ademais, o volume «Desmentindo a primavera» (Xerais 2003) e «Ovella descarreirada» (Xerais 2014). Colaborou como guionista con Fran Bueno na banda deseñada «Os Escachapedras», e publicou a biografía «Castelao segundo Rañolas» (2000). Como narradora ten publicado: «A formiga coxa» (Xerais 1989), novela xuvenil; «O rescate do peneireiro» (Xerais 1990), novela xuvenil; «Tránsito dos gramáticos» (Xerais 1993); «Nogard» (1994); «A expedición do Pacífico» (Xerais 1994), Premio Merlín e Premio da Crítica á creación literaria en galego en 1995; «Lobos nas illas» (Xerais 1996), relatos; «O trasno de Alqueidón» (Xerais 1996), contos infantís, Premio Rañolas 1996 ao mellor libro infantil do ano; «A Compañía Clandestina de Contrapublicidade» (1998),
Premio Álvaro Cunqueiro «A banda sen futuro» (Xerais 1999), Premio Lazarillo e Premio Lecturas Galix 2001; «Lapadoiras, Sacaúntos e Cocón» (1999), conto infantil; «Unha presa de terra» (2001), Premio La Voz de Galicia de novelas por entregas; «Teoría do caos» (Xerais 2001), Premio Xerais; «Paxaros de papel» (Xerais 2001), álbum; «O chápiro verde» (2001, Xerais 2003), conto infantil; «Basilisa, a princesa sapiño» (2002), conto infantil; «Rúa Carbón» (Xerais 2005), novela finalista do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2006 e «A Cabeza de Medusa» (Xerais 2008), novela gañadora do Premio Fundación Caixagalicia de Literatura Xuvenil 2008 e Premio The Withe Ravens, 2009; «Dez abellas na laranxeira» (Xerais 2008), conto infantil; »O coitelo en novembro» (Xerais 2010); «Catro cascarolos» (Xerais 2016), conto infantil; e «Nogard» (1994, Xerais 2022), novela xuvenil. Boa parte da súa obra foi traducida a todas as linguas peninsulares.
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Lobos nas illas
Pode lerse como unha novela, pode lerse como relatos encadeados sobre a memoria, os segredos das familias, unha casa habitada durante séculos que agora se pechará, aldeas nun proceso acelerado de mudanza, a Costa da Morte que constitúe o territorio literario de Aleixandre…
Publicado en 1996, traducido para o castelán e reeditado en 2022, pois, segundo a autora, a súa intención é escribir clásicos, hai neste libro relatos pioneiros, o primeiro en galego sobre a violencia de xénero, “Terror na madrugada”, e sobre os fusilados do 75, “A luz do día escura”, recollido en antoloxías en inglés.
A escrita delicada, a atención á creación de ambientes, o diálogo cos textos literarios, son trazos da voz de Marilar Aleixandre que escolle o relato como no que máis goza escribindo
Edición en galego
Editorial Galaxia

Unha presa de terra Un caso de Ana Candeán
A aparición do cadáver dunha moza nun ascensor é o comezo desta novela de intriga e investigación. A trama policial parece estar servida; sen embargo, o violento crime a penas deixa pistas que poidan actuar de fío conductor dunha arañeira chea de intrigas e sospeitosos. A detective privada que, por compromiso, se encarga do caso, colabora atipicamente coa policía, cun amor polo medio durante a investigación. Unha pesa de terra foi a narración gañadora do Premio de Novela por Entregas 2001 de La Voz de Galicia.
Editorial en galego
Baía Edicións