Toro, Suso de

Santiago, 1956

Licenciado en Arte Moderna e Contemporánea. En 2003 foille concedido o Premio Nacional de Narrativa.

Fotografía: arquivo AELG - Distrito Xermar

Biografía

Como narrador publicou: «Caixón desastre» (1983, 1991), relatos, Premio Galicia da Universidade de Santiago; «Polaroid» (1986, 2021), relatos, Premio da Crítica Galicia; «Land Rover» (1988), novela; «Ambulancia» (1990, 2023), novela; «Tic-Tac» (1993, 2003), novela, Premio da Crítica Española 1994; «A sombra cazadora» (1994), novela; «Conta saldada» (1996, 2017), novela; «Calzados Lola» (1997), novela, Premio Blanco Amor; «Círculo» (1998), relatos; «Non volvas» (2000), novela, Premio da Crítica Española; «Trece badaladas» (2002), novela, adaptada libremente ao cine por Xavier Villaverde co título homónimo (2003) e Premio Nacional de Narrativa; «Morgún (Lobo Máxico)» (2003), novela; «Home sen nome» (2006), novela; «Sete palabras» (2009), novela; «Somnámbulos» (2014), relatos; «Fóra de si» (2018), novela e «Un señor elegante» (2020), novela.

Escribiu, entre outros, libros de xornalismo e ensaio: «F.M.» (1991), «Camilo Nogueira e outras voces. Unha memoria da esquerda nacionalista» (1991), «O país da brétema» (2000, Xerais 2016), «A carreira do salmón» (2001), «Nunca máis Galiza á intemperie» (2002), «Españois todos» (2004), «Ten que doer» (2004), «Outra idea de España» (2005), «Outra Galiza» (2008), «Inmateriais. Vidas da nosa historia» (2013), «Humildar. Rituais despois de deus» (2017), «Dentro da literatura» (2019) e «Descubrindo Ana Pontón» (2023). Publicou ademais a obra de teatro «Unha rosa é unha rosa» (1997, 2023) e «Servicio de urxencias» (2002), guións de televisión.

Bibliografía: Editorial Xerais

Paradas bibliográficas

Nautico de Vigo Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

Polaroid

A publicación de «Polaroid» supuxo un fito na literatura galega moderna e provocou un decidido cambio de rumbo narrativo. Considerado como libro aberto, «Polaroid» descubriuse como unha auténtica máquina de fabricar significados en todas as direccións, un verdadeiro artefacto literario que aborda tanto as cuestións do tempo contemporáneo como da memoria, deitando unha mirada sobre o país: na ruptura co seu pasado, na esgazadura da cidade que esquece o campo, do presente que esquece o pasado. Un libro coa alma fracturada, concibido para mergullarse no seu tempo e pelexar furioso contra el. Foi precisamente esa vontade iconoclasta a que lle concedeu unha impresionante acollida por parte dos lectores e lectoras, converténdose nun libro polémico, discutido, grotesco, aplaudido, absurdo, desmitificador, burlón, innovador, crítico, hilarante, provocador… O propio Suso de Toro cualificouno daquela como «estalido de furia inspirado polo punk». «Polaroid», que recibiu o Premio da Crítica Galicia en 1987, enlazaba tanto co underground dos anos setenta como co tempo da cultura pop, da produción de obxectos industriais de consumo en serie, cos medios de comunicación audiovisuais e coa música pop anglosaxoa. Hoxe é, sen dúbida, un clásico, un referente inevitable das nosas letras.

Edición en galego

Editoral Xerais

Un señor elegante Suso de Toro autor do Mapa Literario de Vigo

Un señor elegante

A familia Baltar atesoura un sorprendente patrimonio cultural e humano. Atraído polo insólito perfil dalgún dos seus membros, o escritor Suso de Toro realiza unha indagación para reconstruír a historia dunha familia que, en distintos momentos, protexe a Rosalía de Castro e Murguía e logo á familia Castelao ou a Dieste.Tras manexar materiais froito dun intensísimo traballo de documentación, Suso de Toro ofrécenos unha novela abraiante, que aglutina unha síntese persoal de novela río, histórica, psicolóxica e novela de ideas. É unha narración que chega do século XIX e atravesa o século XX galego, español e europeo. Unha historia radicalmente local e ao tempo europea.Un señor elegante é, sobre todo, unha novela de investigación: a persecución dunha figura descoñecida que se vai manifestando ata apoderarse de todo o libro e descubrirnos un personaxe comprometido co seu tempo, coa xente e co país. Alguén dunha enorme dimensión ética. A figura dese Baltar lémbranos, desde a penumbra, que ademais da aceptación da derrota e da pura supervivencia dos vencidos, tamén houbo resistencia e disidencia. Esta é unha memorable novela de non ficción que demostra que existiu unha outra Galicia vital, alegre e afirmativa, moi distinta da que nos contaron.

Edición en galego

Editoral Xerais