Solar, María
Santiago de Compostela, 1970
Escritora e xornalista. Coordinadora de Cultura da Corporación Radio Televisión de Galicia e presentadora e directora do programa cultural da TVG Zigzag Fin de Semana.
Fotografía: arquivo AELG - Eduardo Castro Bal
Biografía
Na súa formación académica mesturou as ciencias e as letras, licenciándose en Bioloxía e Xornalismo, e diplomándose en Maxisterio, ademais de ser especialista en Información Ecolóxica e Medioambiental. No ámbito xornalístico centrou o seu traballo na radio e na televisión, aínda que tamén colabora en prensa e revistas. Como escritora iniciou o seu percorrido con obras de ensaio divulgativo, como «Ecoloxía na Aula» (1997), «O libro do noso mar» (1999), e de ficción pedagóxica, como «Boa sorte» (2008) ou «O tempo do revés» (2008).
O recoñecemento da crítica e do público chégalle da man da literatura infantil e xuvenil con títulos premiados e traducidos a varios idiomas, entre os que destacan: «A verdadeira historia da mosca de tele» (2012), «As meigas de Lupa» (Xerais 2012), «Teño uns pés perfectos» (2015), «O meu pesadelo favorito» (2015) ou «Os nenos da varíola» (2017). En Xerais publicou tamén a novela «As horas roubadas» (Xerais, 2016) e o libro infantil «Quokka Moka» (Xerais, 2019). En 2022 conseguiu o Premio Xerais de Novela coa obra «A culpa» (Xerais, 2022).
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

As horas roubas
A morte dun ancián que sostén na súa man un papel coa mensaxe «Dime que me queres» destapa unha pasional historia de amor que non se apaga co paso do tempo. Ambientada na confusa España de 1979, dous anos antes da Lei do divorcio, dúas familias vense arrastradas por ese vello segredo e pola necesidade de cambiar as súas vidas. «As horas roubadas» é unha novela de personaxes que nos leva a través dos sentimentos de varias xeracións nunha época onde vivir sen ataduras era unha tarefa pendente. Unha historia que demostra que non hai idade para o amor, e que cando non facemos nada por mudar as cousas, algo insospeitado pode facer que cambien. Para sempre.
Editorial en galego
Editorial Xerais
Editorial en castelán
Editorial Grijalbo