Calveiro, Marcos

Vilagarcía, 1968

Neto de feirantes taberneiros é licenciado en dereito.

Fotografía: Editorial Galaxia - Anxo Cabada

Biografía

Marcos Sánchez Calveiro, coñecido como Marcos S. Calveiro, naceu en Vilagarcía de Arousa no ano 1968 e actualmente reside en Vigo, onde exerceu a avogacía e agora traballa como director de edicións na Editorial Galaxia. Comezou a súa carreira literaria creando obras dedicadas á literatura infantil e xuvenil, escribindo principalmente en galego. Neste campo recibiu numerosos premios como o Ala Delta, o Barco de Vapor ou o Lazarillo. Tamén publicou obras no campo da poesía e o ensaio e en 2008 publicou a súa primeira novela dirixida ao público adulto, Festina Lente, recoñecida co Premio da Crítica de narrativa galega.

En 2015 gañou o IX Premio Narrativa Breve Repsol coa novela Fontán e en 2017 o XXIX Premio García Barros coa novela O xardineiro dos ingleses. no ano 2022 publica a novela Curros & Holmes No Misterio D’O Kapital, na que, recén chegado a Londres, Curros, ca axuda de Holmes, debe resolver quen roubou a segunda metade do manuscrito do Kapital de Marx.

Bibliografía: Editorial Galaxia

 

Paradas bibliográficas

O xardineiro dos ingleses, Marcos Calveiro, autor do Mapa Literario de Vigo

O xardineiro dos ingleses

Vilagarcía, principios do século XX. O destino dos mariñeiros ingleses e alemáns crúzase coas arelas de liberdade dunha moza que intenta ceibarse das estreitezas e ataduras da Galicia daquel tempo. Moitos anos despois, no Cemiterio dos Ingleses só queda unha tumba anónima, a número un. Alí agarda o misterio final, o dese sartego e o seu descoñecido ocupante. O enigma que arrodea a vida de Delia Cores e do seu fillo Edelmiro, o xardineiro dos ingleses. Cunha prosa áxil, protagonistas de carne e óso, e unha trama que zigzaguea entre os principais acontecementos históricos europeos, Marcos Calveiro consegue a súa obra máis lograda, de lectura apaixonante e chea de sucesos inesperados. Unha novela sobre a busca de liberdade. Sobre a xustiza e a capacidade para enfrontarse ao fado da historia.

Edición en galego

Editorial Galaxia

Todos somos, Marcos Calveiro, autor do Mapa Literario de Vigo

Todos somos

Dende a desaparición de Natalia os pais de Antón xa non lle deixaban baixar o lixo á noitiña. Parecía incríbel que a súa vida, a vida de todos eles, dese un xiro tan brusco e dramático en tan pouco tempo. As cousas andaran nas mans do demo dende que a nova da desaparición de Natalia, compañeira de clase de Antón, correra como a pólvora por toda a praza da Bichoca. O sábado, ao día seguinte de desaparecer, xa o sabía todo o mundo. Mais foi o domingo cando todos foron conscientes da brutal realidade e de que a cousa ía en serio.

Edición en galego

Editoral Xerais

Todos fomos, Marcos Calveiro, autor do Mapa Literario de Vigo

Todos fomos

Seis anos despois da desaparición de Natalia, unha chamada do pasado esperta unha mañá á inspectora Lina Souto: a rapaza apareceu espida e viva nunha praia de Teis. Comeza así unha trepidante carreira contra reloxo para descubrir o acontecido durante todo este tempo e, quizais, tamén para salvar a vida dun meniño. Mentres, os medios de comunicación sensacionalistas -coa inefable presentadora Belén Soliño á fronte- entorpecen a investigación e a resolución do caso.

Edición en galego

Editoral Xerais