Cabanillas, Ramón
Fefiñáns, Cambados 1876 – Cambados 1959
Foi un dos poetas primeiros en lingua galega do século XX
Fotografía: Real Academía Galega (RAG) - web
Biografía
Con trinta e catro anos emigrou á Habana, onde residiu entre 1910 e 1915 e publicou os seus dous primeiros poemarios No desterro (1913, Xerais 2009) e Vento mareiro (1915, Xerais 1995). De volta a Galicia, traballou como funcionario de varios concellos e coñeceu a loita agrarista. O compromiso co proxecto das Irmandades da Fala levouno a colaborar asiduamente n’ A Nosa Terra. En 1920 foi elixido membro da Real Academia Galega, onde leu o discurso titulado «A saudade nos poetas galegos» e en 1929 da Real Academia Española, onde ingresou cun ensaio sobre Eduardo Pondal. Durante os anos vinte publicou Da terra asoballada (1926, Xerais 1994) e as novas edicións dos poemarios publicados na Habana. A instancias de Antón Vilar Ponte, escribiu as pezas dramática A man de Santiña (1921, Xerais 1996) e a traxedia histórica O mariscal (Xerais 1996).
En 1926 viu a luz o poemario Na noite estrelecida (Xerais 1988) onde, seguindo as teorizacións de Risco, Cabanillas reelabora mitos do ciclo artúrico que funcionen como símbolos produtivos. Porén, recuperou o lirismo intimista no poemario amoroso A rosa de cen follas (1927, Xerais 1992). Instalado en Madrid, o poeta atravesou un longo período de silencio que rompería a finais da década de 1940 con Camiños no tempo. Comezou entón unha nova etapa en que viron a luz Antífona da Cantiga (1951), Da miña zanfona (1954), Versos de alleas terras e tempos idos (1954) e Samos (1958, Xerais 2009), o seu derradeiro libro publicado en vida. Os catedráticos Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro, con motivo do 50 aniversario do pasamento do poeta, reuniron a súa obra poética no volume Poesía galega completa (Xerais 2009).
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Poesía galega completa
Este volume, preparado polos catedráticos Xosé Ramón Pena e Xosé María Dobarro, reúne todos os poemarios publicados por Ramón Cabanillas, así como a súa obra poética dispersa, introducindo importantes novidades ecdóticas con respecto ás dúas edicións de obra completa anteriores, tanto a publicada en 1959 nun único volume polo Centro Galego de Bos Aires como a editada por Xesús Alonso Montero entre 1979-1981. O establecemento dun novo índice de poemas, a confección dunha táboa de correspondencias entre os textos aparecidos en diversos volumes, a inclusión de numerosas novidades con respecto ao seu lugar de publicación e o rigor na actualización da edición textual fan deste volume un referente para o coñecemento da obra dun poetas primeiros en lingua galega do século XX.
Edición en galego
Editoral Xerais