Fernández, Miguel Anxo

O Carballiño, 1955

Doutor en Comunicación audiovisual, investigador e teórico cinematográfico, está vencellado desde finais dos anos setenta ao desenvolvemento do audiovisual galego, labor polo que se lle concedeu o Premio de Honra Fernando Rey no 2001. En 2012 recibiu o Premio da Cultura Galega polo seu labor a prol da creación audiovisual

Fotografía: arquivo AELG - Distrito Xermar

Biografía

Profesor de Comunicación Audiovisual na Universidade de Vigo, exerce a crítica diaria de cinema e televisión en La Voz de Galicia, ademais de colaborar no Diario Cultural (Radio Galega) e en Planeta Cine (TVG). Entre a súa obra especializada destacan Carlos Velo. Cine e exilio (1996), As imaxes de Carlos Velo (2001, Premio Sempre en Galiza), Las imágenes de Carlos Velo (UNAM, México, 2007), A Bela Otero, pioneira do cine (2002, Premio Chano Piñeiro), Rodado en Galicia (2005) e Os amigos de Chano Piñeiro (2007, ed.).

No eido da ficción publicou en Galaxia O sabre do francés (2002) e Capitol, última sesión (2004), ademáis da triloxía sobre o detective Frank Soutelo, formada por Un nicho para Marilyn (2002, Premio García Barros), Luar no inferno (2006); Tres disparos e dous friames (2008), Lume de cobiza (2011), Bícame Frank (2013), O espido de Gina (2014), Un dente sen cadáver (2016) e Blues para Moraima, Premio Blanco Amor 2016.

Bibliografía: Editorial Galaxia

 

Paradas bibliográficas

Miguel Anxo Fernández  autor do Mapa Literario de Vigo

Bícame, Frank

Todo comeza co roubo do manuscrito de «Vento mareiro», de Cabanillas, e despois co dun valioso papiro exipcio vinculado ás revoltas da primavera árabe. Demasiada xente quere o papiro, ao prezo que sexa… Soutelo sospeita que todo ten que ver coa aparición dun cadáver sen mans na praia da Lanzada. Coa súa retranca característica. Miguel Anxo Fernández bota unha ollada aceda sobre a actualidade do país nunha novela que consolida a Soutelo como o detective máis activo do panorama literario galego.

Edición en galego

Editorial Galaxia

Un dente sen cadáver Miguel Anxo Fernández autor do Mapa Literario de Vigo

Un dente sen cadáver

Nunha imprevista viaxe a Galicia para recoller unha herdanza, o detective Frank Soutelo, coa axuda da investigadora Dalia Maxino, enfróntase inesperadamente a un enigma: a aparición dun dente humano sen dono e de orixe descoñecida.
Ambos os asuntos -familiares e forenses- han acabar confluíndo nun complexo caso no que a violencia de xénero, a explotación sexual, a man de obra inmigrante e os escuros intereses inmobiliarios se mesturan con personaxes sinistros, coas mans emporcadas de sangue. Novamente, coa axuda do sarxento da municipal Franeiras, o sempre indignado ex-garda civil Poncio e a forzada colaboración do estricado funerario Sugar Jones, Soutelo descubrirá tamén un doloroso pasado vinculado co seu pai. Miguel Anxo Fernández retorna ao detective máis singular do panorama literario galego.
Edición en galego

Editorial Galaxia

A conxura do sete Miguel Anxo Fernández autor Mapa Literario de Vigo

A conxura do sete

Miguel Anxo Fernández confirma a Frank Soutelo como o sabuxo sen par no panorama literario galego. O detective Frank Soutelo, acompañado do estricado funerario Sugar Jones, regresa a Galicia a petición da investigadora Dalia Maxino, que recibe o insólito encargo de atopar a mítica espada de Santiago, agachada durante séculos, e seica torada en sete anacos a comezos do século XIX, para impedir que a roubasen os napoleónicos. Seica a queren para os fastos do próximo Xacobeo. Aos poucos, o profesor da manda desaparece misteriosamente, e resultará que a valiosa espada interesa tamén a xentes sen escrúpulos e fins sinistros, mentres asoman os cadáveres. O sarxento da municipal, Franeiras, e o antigo garda civil Poncio, sumaranse ao desafío coa eficacia acostumada. Ao tempo que Frank pecha un segredo familiar oculto durante anos, enrédase nunha conxura argallada desde o poder das elites na sombra, mentres a Policía non semella moi conforme coas súas pescudas.

Edición en galego

Editorial Galaxia