Vázquez de la Cruz, Ánxel

Tui, 1942

Estudou medicina en Santiago e tivo o seu primeiro traballo como médico de garda no antigo Hospital Municipal de Vigo.

Fotografía: Editorial Xerais - Federico García-Cabezón

Biografía

Fixo a residencia para a especialidade de médico de nenos no Hospital Infantil do Vall d’Hebrón de Barcelona, no que traballou posteriormente como neonatólogo. A finais de 1974 incorporouse ao Hospital da Seguridade Social da Coruña, onde, como director, participaría na fundación e posta en marcha do Hospital Materno-infantil Teresa Herrera, onde actualmente permanece como xefe de servizo de Neonatoloxía.

Da época de estudante datan as súas primeiras colaboracións en La Noche, ás que seguirían relatos e artigos en diversos medios: xornais e revistas literarias como Bravú e Luzes. Ademais escribiu o guión da película -premio Ramón Dagá de Cine Social, 1975- A Romería da Morte. Luz de Tebra (Xerais 2010) é o seu primeiro libro de relatos.

Bibliografía: Editorial Xerais

Parada bibliográfica

Luz de tebra Ángel Vázquez de la Cruz Mapa literario de Vigo Biblitoeca Xosé Neira Vilas

Luz de Tebra

«Luz de Tebra é unha obra de rescate. Luz de Tebra vainos levando, relato a relato, chanzo a chanzo, do frío á calor, da intemperie a un forno comunal ou a un furancho dos de loureiro á porta. Ten o peculiar roxarse interior da ánima, do que arde sen se ver. Luz de Tebra é un dos libros de contos que enxerta, xa para sempre, na herdanza das nosas mil e unha noites: Retrincos de Castelao, Dos arquivos do trasno de Rafael Dieste, Os biosbardos de Eduardo Blanco Amor, Á lus do candil de Ánxel Fole, Escola de menciñeiros de Álvaro Cunqueiro… Desa estirpe é Luz de Tebra. Cando un le este libro sente o calorífico levedar desa luz da escuridade. E sente a inconfundíbel felicidade clandestina de quen é agasallado co bisbar da boca da mellor literatura.» Manuel Rivas «Ya quisiera yo ser capaz de escribir palabras así, milagreras como Santiago, y jodonas como el ángel que lo vuela: el ángel ese que acepta ser llamado doctor aunque él cura contando.» Eduardo Galeano

Edición en galego

Editoral Xerais