López Silva, Inma

Santiago de Compostela, 1978

É unha das novas narradoras galegas máis destacadas. A súa novela Neve en abril gañou o Premio Rúa Nova en 1996. Seguiron os relatos de Rosas, corvos e cancións. Con Concubinas obtivo o Premio Xerais 2002. No 2007 publicou New York, New York, diario dunha estadía na cidade norteamericana, que despois foi traducido para o castelán.

Fotografía: web autora - Judith Zendón

Biografía

Desde moi nova soubo que a literatura sería a súa canle para ver e expresar o mundo. Moi pronto, no ano 96, gaña o Premio Rúa Nova, convocado pola Biblioteca Nova 33, de Santiago. Ese primeiro froito literario sorprendeu a lectores e crítica pola madurez que evidencia unha novela que recupera o drama nunca suficientemente contado da Guerra Civil. Neve en abril foi o libro que mereceu o dito galardón e que no 2005 renace en Galaxia como libro aberto a lectores de todas as idades, tamén aqueles que están a piques de comezar o seu percorrido pola vida adulta.

Inma, ademais de escritora, destaca como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo. Coa novela Memoria de cidades sen luz, publicada por Galaxia, obtivo o Premio Blanco Amor 2007. Posteriormente foi recoñecida co premio AELG como mellor obra de narrativa 2008 e o Arcebispo San Clemente como mellor novela en galego 2008. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria.

Bibliografía: Editorial Galaxia

Parada bibliográfica

Aqueles días en que eramo malas Inma López Silva Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

Aqueles días en que eramos malas

Unha monxa, unha puta, unha moza colombiana e unha funcionaria de prisións comparten o módulo de mulleres dun cárcere e viven xuntas encerro, rebelións, lembranzas e emocións.

Así o relata Inma, a escritora que compartiu cela con elas e que non se resiste a vencer a súa incapacidade para escribir contando a vida de cando foron malas, unha historia que, pouco a pouco, se converte na confesión e testamento literario da autora. Aqueles días en que eramos malas é unha novela áxil e emocionante que transita entre a traxedia e a comedia. O cárcere como un mundo descoñecido, situado nas marxes da sociedade e da vida, no que existen víctimas, verdugos e, sobre todo, historias vitais fascinantes. A novela máis ambiciosa de Inma López Silva.

Edición en galego

Editorial Galaxia

Quen non ten un avó fascista? Mapa Literario de Vigo Biblioteca Pública

Quen non ten un avó fascista?

Hai unha memoria do 36 que é tamén a da retagarda, a dos sorprendidos, a dos que non lograron ser heroes, a dos oportunistas de supervivencia. Ese é o argumento que propón Inma López Silva neste libro que oscila entre a memoria familiar, a ficción e o relato histórico a partir da vida do seu avó paterno, alcalde franquista dun pequeno concello rural. A través del, cóntasenos unha historia que se centra nos perdedores e foxe do aspecto heroico que tan a miúdo constrúe a nosa lectura da guerra e a ditadura, retirando o foco daqueloutra maioría que, simplemente, sobrevivía como podía. A vida da familia retratada en Quen non ten un avó fascista? conta dun xeito orixinal a historia política da Galicia da segunda metade do século XX, dando unha explicación aos silencios, temores e vergoñas que, así, se converten en motivo literario de categoría.
Edición en galego

Editorial Galaxia

Escola de mulleres, Inma López Silva, autora do Mapa Literario de Vigo

Escola de mulleres

Escola de mulleres é unha novela sobre unha fuxida. A súa protagonista foxe da dor, da perda, dunha realidade incerta, da gaiola de ouro que os homes queren construír para pechala e admirala, da opresiva camisa de forza das convencións sociais. E para acadalo emprega a ironía e o seu propio corpo como armas, como camiño cara a unha redención que sospeita imposible. E así a súa pel e a súa mente convértense nun lenzo que, devagar, vaise esgazando polas unllas dos demais, sempre os demais, emerxendo baixo o estigma da loucura ou, quizais, da clarividencia.
Unha novela que nos cuestiona sobre os límites. Da liberdade ou da moral. E, de fondo, como paisaxe idílica ou inferno, as voces doutras mulleres, María, Zelda e Simone, que, entre disputas e risas, a comprenden, a xulgan e a compadecen, mentres unha nena constrúe sobre o chan castelos con bloques de cores.

Edición en galego

Editorial Galaxia