Blanco, Alberte
Cobres-Vilaboa, 1951
Escritor, enxeñeiro e profesor de ensino secundario. Colabora no diario dixital «Praza Pública», na revista «Grial» e na publicación periódica do «Fórum Galaico Transmontano de Chaves» (Portugal).
Fotografía: AELG - Arquivo do autor (2016)Biografía
Na actualidade é columnista do xornal «Nós Diario». En calidade de Director Xeral de Montes (2005-2009) participou na obra colectiva «Os in-cendios forestais en Galicia» (2006), editada polo Consello da Cultura Galega. «Arcadia. Os gardiáns do segredo» (2013) é a súa primeira novela. En 2015 a Deputación de Ourense publicou a súa obra de investigación «O conflito de intereses no camiño de ferro de Zamora a Ourense. Aproximación histó-rica ao período 1840-1930».
En 2017 publicou «O Códice esmeralda» (Xerais), finalista do Premio Xerais de Novela en 2015. Tamén en 2017 «Sermos Galiza» edita a obra colectiva «O monte galego. Caos ou aproveitamento multifuncional», na que participa como relator e coordinador. En 2019 publica «Memorias da brétema», un libro de investigación histórica, crónicas e memorias da infancia. «Xeopolítica, pandemia e poscapitalismo» (Xerais, 2021) é a súa primeira obra na colección Crónica.
Bibliografía: Editorial Xerais
Parada bibliográfica

O códice esmeralda
O achado dun antigo manuscrito familiar embarca a Xacobe nunha investigación que o retrotrae aos tempos da batalla de Rande. Xan Bieito, un antepasado seu, fora grumete na frota de Nova España e relatara as peripecias da longa viaxe, ademais da histórica batalla naval de 1702 na Ría de Vigo. O manuscrito deixaba entrever a existencia dun tesouro oculto, protexido por un estraño enigma que deberían resolver os seus sucesores. A busca das claves para esclarecer o misterioso segredo mergulla a Xacobe nunha aventura sorprendente na que vai descubrindo a recóndita personalidade do seu devanceiro, envolta en novos enigmas. Mais ao protagonista asáltano uns estraños soños simbólicos que se entrelazan coa realidade e cun mundo que descoñece, creándolle unha enorme confusión que o impulsa a afondar máis na investigación. Emporiso, o que busca Xacobe, axudado polo seu amigo Elphi, é en realidade un antigo códice maia, gardián dun arcano marabilloso, que os levará a desprazarse por toda a Ría de Vigo percorrendo un camiño iniciático no que irá sacando as capas de cebola que ocultan a realidade.Trepidante novela de intriga, O Códice esmeralda supón un engaiolante achegamento á historia da batalle de Rande, un dos episodios galegos nos que cómpre afondar.
Edición en galego
Editoral Xerais