Fernández Paz, Agustín

 

Vilalba, 1947 -2016

Unha das figuras máis destacadas da literatura galega contemporánea. Profesor e escritor, desenvolveu unha ampla obra narrativa, na súa maior parte publicada por Edicións Xerais de Galicia, traducida e recoñecida cos máis importantes premios.

Fotografía: arquivo AELG - Santos-Díez

Biografía

Deuse a coñecer en 1989 co libro de contos «A cidade dos desexos», o primeiro na colección Merlín de literatura infantil, da que foi fundador e codirector, ao que seguiron «As flores radioactivas» (1990), novela, Premio Merlín 1989; «Contos por palabras» (1991), relatos, Premio Lazarillo 1990, Lista de Honra do IBBY 1992, seleccionado entre a centena de títulos considerados como os mellores da literatura infantil do século XX; «Rapazas» (1993), relatos; «Trece anos de Branca» (1994), novela, Premio Edebé de literatura xuvenil 1994; «Cartas de inverno» (1995, 2016), novela, Premio Rañolas ao mellor libro xuvenil; «Amor dos quince anos, Marilyn» (1995), novela; «O centro do labirinto» (1997), novela; «O laboratorio do doutor Nogueira» (1998); «Cos pés no aire» (1999), novela, Premio Raíña Lupa; «Aire negro» (2000), novela, Lista de Honra do IBBY 2002, Lista The White Ravens 2004 e Premio Protagonista Jove 2001; «No corazón do bosque» (2001), novela; «Un tren cargado de misterios» (2001), conto; «Noite de voraces sombras» (2002), novela; «A praia da esperanza» (2003), conto; «O meu nome é Skywalker» (2003), novela, Premio Barco de Vapor; «Tres pasos polo misterio» (2004), relatos; «Fantasmas no corredor» (2005), conto; «Corredores de sombra» (2006), novela, Premio Frei Martín Sarmiento; «O único que queda é o amor» (2007), relatos, Premio Nacional de literatura infantil e xuvenil, Premio Neira Vilas

da AGE, Premio da AELG, Premio Frei Martín Sarmiento; «Lúa do Senegal» (2009), novela, Premio da AELG; «Valados» (2009), conto; «Non hai noite tan longa» (2011), novela, Premio Ánxel Casal 2011, Premio Losada Diéguez 2012 e Premio Irmandade do Libro 2012; «Fantasmas de luz» (2011), novela, Premio da Crítica Galicia 2012;  «Desde unha estrela distante» (2013), conto; «A viaxe de Gagarin» (2014), novela, Premio Ánxel Casal 2015, Premio AELG 2015 e Premio da Crítica Galicia 2015; «A neve interminable» (2015), novela, Premio Frei Martín Sarmiento 2016 e «O soño do Merlo Branco» (2016), conto. Reuniu textos memorialísticos no libro «O rastro que deixamos» (2012) e os seus ensaios sobre a lectura en «Un mundo de palabras» (2017). A maior parte da súa obra está traducida a todas as linguas ibéricas e algunhas delas en coreano, árabe, francés, chinés, búlgaro, bretón, italiano e inglés. Entre outros recoñecementos á súa traxectoria, recibiu o Premio Irmandade do Libro (2003); o Premio Xosé María Álvarez Blázquez (2008), a Letra E da AELG (2009); e en 2011 recibiu o Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil e Xuvenil. Foi o candidato da OEPLI ao Astrid Lindgren Memorial Award; en 2011 foi escollido pola OEPLI como o candidato español ao Premio Andersen 2012 e en 2015 a AELG propúxoo como candidato ao Premio Nobel de Literatura.

Bibliografía: Editorial Xerais

 

Paradas bibliográficas

Cartas de inverno, Agustín Fernández Paz, autor do Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas<br />

Cartas de inverno

Despois dunha longa estadía en Quebec, o escritor Xabier Louzao volve a Galicia e atópase coas cartas que o seu amigo Adrián lle escribira durante a súa ausencia. Unhas cartas que, nunha espiral de enigmas, descobren os estraños sucesos que está a vivir Adrián na súa nova casa e que levan a Xabier a acudir na súa axuda. Pero alí, na vella casa colonial, os dous amigos terán que enfrontarse a misterios que talvez as persoas nin tan sequera somos quen de imaxinar.

Edición en galego

Editoral Xerais

O único que queda e o amor Agustín Fernández Paz Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

O único que queda é o amor

Hai unha trama de fíos invisibles que une as vidas dos personaxes deste novo libro de relatos de Agustín Fernández Paz, ilustrado por Pablo Auladell: Diana, Sara, Pablo, Laura, Adrián… todos se namoran e descobren que o amor é un sentimento poderosísimo, capaz de transformalos por enteiro e facerlles ver a vida doutro xeito. Mais tamén experimentan a amargura do desamor, ou da ausencia, ou dos amores rotos. O amor en todas as súas variantes: desde o primeiro amor adolescente ata o que se mantén máis alá da morte. Aínda sabendo isto, as persoas sempre buscamos na nosa vida ese sentimento tan necesario como o aire que respiramos, quizais porque intuímos que, como escribe Orhan Pamuk en Neve, «na vida o único que queda é o amor». E sempre, os libros como compañeiros da aventura do amar. Un libro memorable.

Edición en galego

Editoral Xerais

Lúa do Senegal Agustín Fernández Paz Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

Lúa do Senegal

Khoedi, unha nena de dez anos, ten que deixar a súa casa de Casamence, unha rexión ao sur do Senegal, para instalarse en Vigo, a cidade onde o seu pai xa leva varios anos emigrado. Na nova terra, a vida é dura para Khoedi: non coñece a ninguén e todo lle resulta diferente. Está en Europa, mais a súa cabeza e o seu corazón continúan en África. O único lazo entre a nova realidade e o mundo que deixou atrás é a Lúa que brilla no ceo polas noites, que serve, ademais, para marcar o paso do tempo.Lúa do Senegal, a primeira novela que Agustín Fernández Paz publica tras a obtención do Premio Nacional de Literatura Infantil, aborda o tema da emigración, ese drama que supón abandonar o propio país e marchar a outro para poder traballar e vivir con dignidade.

Edición en galego

Editoral Xerais

Desde unha estrela distante

Desde unha estrela distante

Daniela está pasando uns días na casa da súa avoa antes de mudarse coa súa familia a unha nova cidade. Unha tarde sobe ao faiado a explorar e alí leva o susto da súa vida. Ao abrir un baúl, aparécelle un rato decidido a falar con ela e que, en realidade, é un extraterrestre! Poderán chegar a entenderse dous seres tan diferentes?

Edición en galego

Editoral Xerais

1ª edición

2013

BPM Xosé Neira Vilas

Ligazón ao catálogo

Liña Circular