Gallego Abad,

Elena

Teruel, 1969

Escritora e xornalista cunha ampla traxectoria profesional, ligada a diversos medios de prensa e radio galegos.

Fotografía: Arquivo AELG - Distrito Xermar

Biografía

Membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) e da Federación Internacional de Periodistas (FIP), recibiu o Premio Xosé Aurelio Carracedo de xornalismo 1998, no seu apartado de medios audiovisuais. Deuse a coñecer como narradora coa saga xuvenil Dragal, publicada por Xerais, que se iniciou con Dragal I. A herdanza do dragón (2010), finalista do IV Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil en 2009 e Premio Frei Martín Sarmiento 2012; continuada por Dragal II.

A metamorfose do dragón (2011); Dragal III. A fraternidade do dragón (2012); Dragal IV. A estirpe do dragón (2015) e Dragal V. O segredo do dragón (2019). Despois da novela policial Sete Caveiras (Xerais, 2014), con O Xogo de Babel (Xerais, 2017) Elena Gallego Abad explora outro xénero da literatura para adultos.

Bibliografía: Editorial Xerais

Parada bibliográfica

Sete caveiras Elena Gallego Abad Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

Sete caveiras

Cando a xornalista Marta Vilas descobre o cadáver dun motorista aboiando en augas do porto vigués do Berbés, non pode imaxinar que o pequeno xoguete que o seu asasino agochou no peto do morto está a piques de mudarlle a vida. Aquel click, das primeiras series da desaparecida Famobil, é o único fío que parece unir este asasinato co do garda civil rescatado por un pesqueiro de Cangas. E cos cadáveres que, ao longo dos días seguintes, irán aparecendo na ría de Vigo. Pero ninguén máis o sabe.

Edición en galego

Editoral Xerais

Ata que a morte nos separe, Elena Gallego Abad. Mapa Literario de Vigo. Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas. Fotografía: Susigraphics - 100x100experimental.com

Ata que a morte nos separe

Marta Vilas, redactora xefa do «Xornal Galaico», recibe unha invitación para participar na viaxe inaugural do «Xacobus», un cruceiro deseñado para proporcionar unha experiencia única aos pasaxeiros de alto nivel económico que buscan facer a ruta marítima do Camiño de Santiago sen renunciar a todo luxo de comodidades. Entre a selecta pasaxe, parten de Vigo unha parella multimillonaria en viaxe de noivos, unha youtubeira, un policía de incógnito e tamén Sombra Dixital, un pirata informático que pretende secuestrar o barco. Durante a axitada travesía desencadearanse intensos e misteriosos acontecementos que a xornalista e o policía intentarán esclarecer. Nun momento en que os grandes clásicos da literatura universal son obxecto de reescritura, Elena Gallego Abad atrévese a parodiar un título indispensable da literatura policial, «Death on the Nile», de Agatha Christie, trasladando a trama á Galicia do século XXI e recuperando nesta novela a parella de investigadores Marta Vilas e Fernando Prieto para embarcalos nunha apaixonante aventura.

Edición en galego

Editoral Xerais