Graña, Bernardino
Cangas do Morrazo, 1932 – Nigrán, 2025
Foi catedrático de lingua e literatura até a súa xubilación.
Fotografía: Arquivo AELG – Xoán Carlos Gil VilasBiografía
En 1958 participou na creación do grupo Brais Pinto en Madrid e foi o primeiro presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da que é socio de honra dende 1986. Membro da Real Academia Galega, publicou unha extensa obra no ámbito da poesía, do teatro, da narrativa e da literatura infantil. Como poeta publicou: «Poema do home que quixo vivir» (1958); «Profecía do mar» (1966, Xerais 1995); «Non vexo Vigo nin Cangas» (1975); «Se o noso amor e os peixes» (Xerais 1980), Premio Galicia do concello de Santiago de Compostela; «Sima-Cima do voar tolo» (1984); «Himno verde» (1992); «Ardentía. Obra poética completa» (1995); «As Cantigas de Santa María» (Xerais 1996); «Luz de novembro» (1997); «Acendede as almenaras» (Xerais 2008) e «Ser auga, darse en auga» (2011). No ámbito do teatro: «Vinte mil pesos crime» (1962, Xerais 2005), «Sinfarín contra don Perfeuto» (1975) e «Os burros que comen ouro nunca cabalos serán» (1992), Premio Abrente de Ribadavia (1979).
Como narrador publicou o libro de relatos «Fins do mundo» (1974, Xerais 1989) e as novelas «Protoevanxeo do neto de Herodes» (Xerais 2006), II Premio Eixo Atlántico La Voz de Galicia-Público de narrativa galego portuguesa, «Carmela e os ladróns» (2010), «¡Medre o mar!» (2013), «A fuga a Exipto» (2016) e «O neno mariñeiro» (Xerais 2017). Publicou en Xerais as seguintes obras de literatura infantil: «O león e o paxaro rebelde» (1969), «Xan Guindán, capitán» (1991), «Oso mimoso» (1992), «O gaiteiro e o Rato Pérez» (1994), Premio Merlín 1993, «Cristo e San Pedro, peregrinos» (1994), «Rata linda de Compostela» (1994, 2009) e «O Quirico lambón» (1997). En 2005 Xerais publicouse, na colección Crónica «Conversas con Bernardino Graña», de Rafael Fernández e Héitor Mera.
Bibliografía: Editorial Xerais
Paradas bibliográficas

Acendede as almenaras
Acendede as almenaras é un poemario co que Bernardino Graña grava un testemuño de emoción e vibración ante a vida e as persoas, un testemuño a través do que lanza ao aire unha onda a favor das ataduras do amor e da amizade. Libro recompilatorio pero inédito, que reúne composicións escritas desde os anos 80 até hoxe, Acendede as almenaras organiza os textos en poemas amor, amigo e escarnio, seguindo a nosa tradición literaria medieval, para dar conta da importancia das relacións vitais e persoais, da forza do cariño, da tenrura e do apego que son, en definitiva, os fíos invisibles que nos propulsan ao longo da vida.Acendede as almenaras é un poemario co que Bernardino Graña grava un testemuño de emoción e vibración ante a vida e as persoas, un testemuño a través do que lanza ao aire unha onda a favor das ataduras do amor e da amizade. Libro recompilatorio pero inédito, que reúne composicións escritas desde os anos 80 até hoxe, Acendede as almenaras organiza os textos en poemas amor, amigo e escarnio, seguindo a nosa tradición literaria medieval, para dar conta da importancia das relacións vitais e persoais, da forza do cariño, da tenrura e do apego que son, en definitiva, os fíos invisibles que nos propulsan ao longo da vida.
Edición en galego
Editoral Xerais

O neno mariñeiro
Elías, o afillado de Agustina, naceu no Seixo de Darbo, nunha casiña branca e de pedra. Pouco despois, nos tempos arrepiantes da guerra de España, naceron o seu irmán e a súa irmá, e a familia asentouse en Cangas, onde sempre se sentían as gaivotas. Alí, no barrio mariñeiro do Forte, dominaban os cheiros a pesca, a roupas de auga, a redes, e había un secadoiro de polbo e peixe. O mar estaba a rentes e rosmaba como un dragón desexoso de engulir a xente, con ventos que galgaban e miañaban como grandes feras. Novela de carácter autobiográfico, no ronsel de «Fins do mundo» e «Profecía do mar», obras esenciais na traxectoria literaria de Bernardino Graña, relata aqueles días de infancia, de fame e naufraxios nunha vila mariñeira do Morrazo, nos primeiros anos da guerra. Escrita cos fíos da memoria, retrata sen nostalxia e con humor a sociedade á intemperie da galerna e dos malos ventos de mar aberto, na que, a pesar das penalidades, a rapazada respiraba o aire salitroso con alegría. «O neno mariñeiro» é unha alfaia da literatura galega da memoria escrita por un clásico contemporáneo.
Edición en galego
Editoral Xerais