Quiroga,

Xabier

Saviñao, 1961

Xabier Quiroga deuse a coñecer con «Atuado na braña» (Xerais, 2002), novela longa que recibiu unha calorosa acollida da crítica (Premio Losada Diéguez 2002, Finalista do Premio Arcebispo San Clemente 2002 e do Premio Novela Europea Casino de Santiago 2002).

Fotografía: editorial Xerais - Beatriz Álvarez

Biografía

A seguir entregou unha pequena alfaia literaria, «Era por setembro» (Xerais, 2004), novela de formato máis breve que seduciu pola «emoción que destila no recanto de cada páxina». Volveu tras os pasos da súa primeira novela en «Se buscabas un deus» (Xerais, 2006), unha reflexión sobre o futuro que nos agarda. As súas seguintes achegas consolidárono como un autor de referencia nas letras galegas: «O Cabo do Mundo» (Xerais, 2009) e «Zapatillas rotas» (Xerais, 2014) outorgáronlle os Premios da Crítica de 2010 e de 2015, respectivamente; e a sorprendente «Izan o da saca» (Xerais, 2015) recibiu o Premio Arcebispo San Clemente 2016 e mais o favor do público lector.

Esta última novela, «O baile dos estorniños» (Xerais, 2021), tendo en común con «O Cabo do Mundo» e «Izan o da saca» a investigación histórica e a presenza do personaxe Reina, culmina a súa Triloxía da Ribeira Sacra.

Bibliografía: Editorial Xerais

Parada bibliográfica

Izan o da saca Xabier Quiroga Mapa Literario de Vigo Concello de Vigo

Izan o da saca

O Fiscal Superior de Xustiza recibe do seu editor un paquete que contén, ademais dun cartafol con noticias de varias mortes sen relación aparente, unha novela. Nela, un taxista con ínfulas investigadoras e lector empedernido acepta o delicado encargo dun coñecido político e empresario galego: desentrañar un suposto pasado nazi co que os seus inimigos poden relacionalo. Comeza así, ademais dunha engaiolante procura pola xeografía física e humana deste país, unha perigosa pescuda sobre un dos feitos históricos máis intrigantes da posguerra: a misteriosa «Ruta das ratas» ao seu paso polo noroeste da península Ibérica e cara ao refuxio nazi en América do Sur.

Edición en galego

Editorial Xerais

Edición en castelán

Ediciones B