Alfaya, An
Vigo, 1964
Ten unha obra literaria extensa dirixida tanto aos lectores e lectoras infanto-xuvenís como ás persoas adultas.
Fotografía: Arquivo AELG - Alberte sánchez Regueiro
Biografía
Publicou as novelas A recortada (Xerais, 1999); Desventura (2003); Matei un home (2005), áccesit do Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2003; A sombra descalza (Xerais, 2006), Premio Lazarillo 2005, Premio Xosé Neira Vilas 2006 ao mellor libro infantil e xuvenil, Premio White Ravens 2007 e Lista de Honra IBBY 2008; Illa Soidade (Xerais, 2007), Premio Fundación Caixa Galicia de literatura xuvenil 2007 e Premio Fervenzas Literarias ao Mellor Libro Xuvenil 2007; Areaquente (2009) Premio Lueiro Rey 2009 e Premio San Clemente 2010; Vía secundaria (Xerais, 2011), Premio Novela por entregas La Voz de Galicia 2010; Muros de aire (Xerais, 2015); A cea das enaguas (2016), Premio Frei Martín Sarmiento e O home de negro (2018), Premio Xosé Neira Vilas de Novela Xuvenil 2017.
Dentro da súa produción dirixida ao público infantil, Xerais publicou a obra teatral O maquinista Antón (1995, 2009) e os libros narrativos O caderno azul (1996), ¡Sireno, Sireno! (Premio Merlín 1997), A buguina namorada (2003), A encontadora (2003), O aroma do liquidámbar (2012) e O fío vermello (2014). Tamén recibiu o Premio Frei Martín Sarmiento nos anos 2008, 2011 e 2013 polas súas obras Zoa o Azor, A ánfora exipcia e O recendo das clementinas. O Grupo (Xerais, 2019) foi merecedora do XII Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil.
Bibliografía: Editorial Xerais
Parada bibliográfica

¡Sireno, Sireno!
Partindo da imaxe da escultura de Francisco Leiro situada na Porta do Sol de Vigo a autora crea un mundo de fantasía. «¡Sireno, Sireno!» é o relato, en primeira persoa, dun neno que acaba de sufri-la perda do pai por mor dun accidente de tráfico e non pode comunicarse coa nai, unha vendedora de enciclopedias, porque ela non é quen de saír do seu illamento. O neno refúxiase nun mundo onírico, no que o debuxo é a única vía de escape, pero só pinta en branco e negro porque vive nun mundo gris; nesa situación. A descuberta do Sireno, unha estatua deforme que se eleva nunha praza da súa cidade, esperta emocións intensas e contraditorias no seu interior. A partir de entón, sofre unha identificación fantasiosa que o axudará a camiñar na procura das cores. En palabras de An Alfaya, a autora, «o Sireno sérvelle ó protagonista de escusa para saír da escuridade na que quedou preso trala morte do pai e descubre nela a beleza do deforme como aposta persoal». Unha fermosa historia, merecedora do Premio Merlín de 1997, que é un reflexo dun alma infantil sensible. Unha historia escrita co corazón, que a autora recomenda lela tamén co corazón, que aposta por afondar nas vivencias e nos sentimentos.
Edición en galego
Editoral Xerais