Reimóndez, María

Lugo, 1975

Tradutora e intérprete de profesión e feminista por convicción.

Fotografía: arquivo AELG - Mark Zlick 
 

Biografía

O seu primeiro libro publicado foi o poemario «Moda Galega» (2002), ao que regresou nunha reescrita dez anos máis tarde en «Moda Galega reloaded» (2013); posteriormente publicou «kleinigkeiten/cousiñas» (2013) e «Presente continuo» (2013). En 2017 gañou o Premio de Poesía Johán Carballeira con «Galicia en bus». Como narradora, é autora das seguintes novelas: «O Caderno de Bitácora» (2004), premio de novela Mulleres Progresistas 2003; «O club da calceta» (2006), finalista do Premio Xerais 2005, Premio Arcebispo San Clemente 2007, traducida ao castelán, italiano e francés, e adaptada á escena e ao cine; «Pirata» (2009), traducida ao italiano; «En vías de extinción» (2012), traducida ao castelán; «Dende o conflito» (2014), Premio Xerais de Novela; «A música dos seres vivos» (2015); «A dúbida» (2016), Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas; «As cousas que non queremos oír» (2017) e «As estacións do lobo» (2019).

No ámbito da literatura infantil e xuvenil é autora de «Usha» (2006), finalista do Premio Merlín 2005, «Lía e as zapatillas de deporte» (2008), «O monstro das palabras» (2009), «Volvo! O regreso de Usha» (2014), «Corredora» (2017), «Fóra do normal» (2018), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade, e «A formiga destemida» (2020). Como ensaísta publicou «Feminismos» (2013), en coautoría con Olga Castro, «A alternativa está aquí» (2014) e «Corpos exorbitantes» (2017), Premio Xohana Torres de Ensaio. En 2015 a AGE concedeulle o Premio Xosé María Álvarez Blázquez á autora do ano. É fundadora da ONG de cooperación ao desenvolvemento Implicadas.

Bibliografía: Editorial Xerais

Paradas bibliográficas

Moda galega, María Reimóndez autora Mapa Literario de Vigo

Moda galega

Un catálogo de dúas estacións. Un paseo polas rúas e os escaparates. Fíos. Teas. Tendas. Corpos. Fendas. Unha cidade. Un percorrido polas mil imaxes e as mil vidas. Entre o consumo e o consumirse. Entre a obriga compulsiva e a alternativa de soñar. Ironías crúas. Moda galega. Pasen e vexan.

Editorial en galego

Edicións Positivas

Nautico de Vigo Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

O club da calceta

Seis mulleres moi diferentes entre si acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións pero, tamén, un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. Inspiradas na figura liberadora da tía Davina, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Ferananda van facendo ás lectoras e lectores partícipes da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

Edición en galego

Editoral Xerais

Sereno Porta do Sol Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

En vías de extinción

Gaia é unha desas persoas que teñen a cerna dura coma un carballo, que asumen e reivindican o monte como berce persoal e que resisten a domesticación en todas as súas formas. Como un animal solitario, Gaia percorre os lugares interpretándose como un elemento ecolóxico chamado a cambiar o humus da forma máis discreta pero imborrable posible, invocando a revolución de ser quen se é sen compromisos, a través de batallas sen reféns, e poñendo o que se pensa sempre por diante.

Edición en galego

Editoral Xerais

Presente continuo María Reimóndez Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

Presente continuo

O presente continuo é o tempo verbal do permanente correr, aparentemente inapreixable porque en canto se toca, convértese automaticamente en pasado. É o tempo do constante movemento, da vida que non cesa, do latexar das relacións que perduran fronte a ventos e mareas, fronte a maremotos, mesmo. Mais se cadra hai xeitos de apreixalo, de abrazalo, de entendelo nun contexto. A través dos ecos de gravacións, que foron nun momento o inmediato e que de socate volven e forman ondas novas de presente. Presente continuo é esa gravación atopada no camiño por quen viviu e se detén a esculcar. Unha gravación que marca os dez anos daquela primeira viaxe á India en 1994, da relación cambiante e fluída con lugares que xa non definen ben os nomes coñecidos, con culturas, con persoas, con formas de vida que son xa parte do cotián, do ser afortunadamente descentrado. Novamente, o tempo xoga con nós e escoitamos esa gravación no presente que marca os case vinte anos de enguedellarse coa outra, porque o tempo nunca se detén. Presente continuo é a voz que tenta lembrar que o pasado só ten relevancia cando permite construír un presente diferente.

Edición en galego

Editoral Xerais

As cousas que non queremos oír María Reimóndez, autora do Mapa Literario de Vigo Biblioteca Xosé Neira Vilas

As cousas que non queremos oír

A Aurora gústalle correr. Se cadra é por iso que foxe con facilidade de tomar decisións e busca acubillo no sarcasmo contido. Dende que por fin puido regresar da Vilalba dos seus pais á Barcelona da súa infancia, o peso da orixe abre nela fendas que non sabe como xestionar

Edición en galego

Editoral Xerais

Fóra do normal María Reimóndez  Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

Fóra do normal

André, igual ca os heroes da Banda Deseñada como Superman, Batman e A muller marabilla que tanto admira, vive en conflito co seu corpo e coa súa identidade. Un conflito que lle parece irresoluble ata que ao seu instituto de Teis chega Mucha das Anzas, unha rapaza de Ribadeo que, contra todo prognóstico, non se sente fóra de lugar malia a súa orixe rural e a súa forma de entender a vida allea ao contexto urbano no que se ve obrigada a inserirse. Axiña, a amizade de André e Mucha pasará a verse ampliada nunha especial Patrulla Trans, grazas a Martín e Xela, outras dúas persoas moi distintas que axudan a André a comprender que cómpre coñecer para querer. Así, por fin amparado pola súa rede afectos e pola lectura das aventuras dos heroes do cómic clásico, un camiño para a comprensión do mundo, André asumirá que para a superación dos conflitos a auténtica fortuna reside en rodearse de persoas que non teñan medo a ser quen son: «no medio da treboada, a única heroicidade é resistir».»Fóra do normal», novela gañadora da primeira edición do Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, identifica os heroes e as heroínas contemporáneas entre aquelas persoas que só con existir e non ceder a domesticarse están mudando o mundo.

Edición en galego

Editoral Xerais

Sereno Porta do Sol Mapa literario de Vigo Biblioteca Pública Municipal Xosé Neira Vilas

Unha xigante ira colectiva

A instalación da factoría de Citroën en Vigo representa un punto de inflexión que marcará o devir da cidade e a súa bisbarra. Dende a súa inauguración constitúese como un referente de progreso para milleiros de viguesas e vigueses.

Edición en galego

Editorial Elvira

Furia María Reimóndez autora do Mapa Literario de Vigo

Furia

Tras a morte da súa nai, Cecilia, unha adolescente de dezaseis anos, non sabe como convivir coa dor. Por se non fose pouco, unha pandemia, un cambio de casa, a precariedade e a incomunicación coa súa tía avoa énchena de rabia ante o mundo que a rodea. Cando a cousa parece que xa non podería empeorar máis, atópase co boxeo. Grazas a este deporte e a unha serie de persoas que a acompañarán, Cecilia atopa a confianza nas propias forzas para buscar unha vida plena, para atopar o seu lugar seguro. «Furia» non é só a historia dunha moza que se enfronta á perda e á dor, senón unha reflexión sobre os afectos e o valor verdadeiro, un canto de amor ao boxeo e unha constatación da importancia de termos sempre alguén na nosa esquina que nos guíe á hora de evitar os golpes eludibles e nos acompañe para encaixar os inevitables.

Edición en galego

Editoral Xerais