Eternity
monteagudo, Xosé
Editorial galaxia
Localizacións

ECUADOR
Para que ao conxunto do meu pequeno infortunio non lle faltase outra cor da mesma gama, a miña vida sentimenta tamén estaba entón nun impasse. Despois de dúas breves relacións, en cuarto de carreira coñecera a Iván, un mozo que estudaba o penúltimo curso de Enxeñería de Tecnoloxías Industriais. Ao graduarse comezou a traballar en Citroën e, dous anos máis tarde, principiamos a nosa vida en común nun apartamento mínimo da rúa Ecuador.
Xeolocalización
42.23345156707277, -8.71941911552556
Liña literaria
07 Liña Venezuela - Camelias

UNIVERSIDADE DE VIGO
[…] No longo intervalo da súa operación, o meu pensamento non parou de escaravellar nas lembranzas. Tiña dezaoito anos e ía estudar Tradución e Interpretación na Universidade de Vigo. Mentres meu pai seguía coas súas rutinas, miña nai esmerábase no cerimonial da despedida. Colocaba cada peza de roupa nas maletas e prefiguraba verbalmente algunhas das cousas que faría eu ou que podía facer.
Xeolocalización
42.170240304583764, -8.684728603413712
Liña literaria
09 Liña Navia - Zamáns

SAMIL
[…] Moitos días, cando me erguía, encontrábaa acabando de almorzar para coller o bus que a levaba ata Samil, onde pasaría boa parte da mañá camiñando, lendo á sombra das árbores ou sentada fronte ao mar, gozando da paisaxe. Iso era, polo menos, o que me dicía ao regreso daquelas escapadas cotiás, mentres xantabamos, para que eu lle puxese un pouco de humor á situación, contestándolle que un día tería que ir vixiala, a ver que era o que facía realmente tanto tempo soa.
Xeolocalización
42.20925241059118, -8.776423145624376
Liña literaria
05 Liña San Miguel - Bouzas

PRÍNCIPE
Nas fins de semana, cando me forzaba a afastar do meu pensamento as traducións, a miúdo saiamos as dúas no sábado á tarde. Camiñabamos por Príncipe e polas rúas máis conconrridas da cidade. Iamos ao cine, ao teatro ou a un concerto e, ás veces, rematabamos a noite ceando nalgún restaurante da zona vella. Nesas ocasións, depois de esgotar a conversa con calquera asunto da actualidade ou cuestión máis ou menos banal, o noso diálogo recaía a miúdo en min, na vida que levara nos últimos anos, desde que abandonara a casa familiar.
Xeolocalización
42.23703431895109, -8.722784702078062
Liña literaria
08 Liña Príncipe - Beiramar

HOSPITAL DE VIGO
[…] As vinte compañeiras que iniciaron ese curso os estudos de ATS no hospital de Vigo eran todas menores ca ela. Algunhas procedían de Vigo, de Ourense ou de Pontevedra, pero outras proviñan de aldeas semellantes á súa, e aquela era a primeira vez que estaban nunha cidade tan grande. Aínda que á cidade tampouco ían gozala demasiado, xa que nos estudos que iniciaban a súa aprendizaxe implicaban a residencia obrigatoria na planta doce do propio hospital, nun réxime que era equivalente a un internado de estudantes coa súa disciplina estrita e a obediencia ás ordes que impartía a madre Isolina, a monxa que o dirixía.
Xeolocalización
42.19030925915999, -8.71582341512781
Liña literaria
09 Liña Navia - Zamáns

GRAN VÍA
Ese foi o final da discusión no referente a aquel tema. Nos meses seguintes comezamos a ver as novidade que nos foron anunciadas aquel día. A primeira foi que Eternity alugou un local na Gran Vía, onde se trasladou a sede da empresa, unha entreplanta ampla e luminosa, con tres cuartos que convertemos en despachos e unha gran sala onde instalamos seis mesas con cadanseu ordenador. Un novo espazo comportou unha nova disposición física e, tamén, unha actitude mental diferente.
Xeolocalización
42.22668953936956, -8.721173430909756
Liña literaria
07 Liña Venezuela - Camelias

GARCÍA BARBÓN
[…] O contacto asiduo creou entre eles a confianza que xera a confesión dos datos máis elementais sobre a situación de procedencia. Soubo así que, ademais dun apaixonado do surf, estudara arquitectura e que desde había un ano tiña con outro socio un estudo na rúa de García Barbón. Que era o menor de tres irmáns e que os pais vivían en Nigrán. Que gustaba da lectura de novelas e da música de jazz, e das longas camiñadas por paraxes naturais, e que cando o traballo llo permitía marchaba a practicar o surf aos lugares mais axeitados da costa atlántica.
Xeolocalización
42.237705379209515, -8.720460723103836
Liña literaria
06 Liña García Barbón - Urzáiz

PORTA DO SOL
Gustoulle a continuidade que presupoñían esas últimas palabras, ás que acompañou o plan para as horas seguintes. Preguntoulle se lle apecetía que fosen tomar un vermú á Porta do Sol e Carolina deixouse ir no día claro de primavera polas rúas da zona vella, entre mozos que consumían alegremente nos bares e nas prazas.
Xeolocalización
42.23814724281723, -8.725446673241903
Liña literaria
02 Liña Casco Vello

ROSALÍA DE CASTRO
[…] Aínda que eu procuraba espazar bastante os meus encontros con elas (non máis dun por mes), cada vez que nos xuntabamos comprobaba que non variaban nada as rutinas nin os temas de conversa. O sábado ao que me refiro fomos cear as catro a un restaurante da rúa de Rosalía de Castro e, despois, entramos nun bar próximo para tomar unha copa. Cando acordamos marchar, eu pedinlles que me agardasen fóra mentres ía ao baño. Ao volver por entre o amoreamento de corpos que consumían ao ritmo do atronador balbordo provocado pola mestura da música e das conversas, sentín que alguén me tocaba o brazo.
Xeolocalización
42.23792877657647, -8.71769285526579
Liña literaria
06 Liña García Barbón - Urzáiz

CASTRO
[…] Nas quendas diúrnas, despois de deixar a Paola na gardería, acudía ao hospital coa expectativa de descubrir as tarefas miúdas que lle ía deparar a nova xeira. Cando remataba a quenda ou nos días que tiña libres, marchaba coa súa filla a Samil no coche, ao Castro ou a algún dos parques da cidade. Noutras coasións, ía ata o estudio de Fabián para facerlle unha breve visita que espertaba nel unha alegría repentina.
Xeolocalización
42.2313974589665, -8.726395508291835
Liña literaria
07 Liña Venezuela - Camelias

BERBÉS
[…] O diario sen data (só separaba as anotacións polos días da semana) permitiume descubir unha persoa dunha sensibilidade basteante inusual, tan capaz de extraer a lírica oculta nas sombras cambiantes que as follas dun ameneiro proxectaban sobre a superficie dun río, como de describir con vívidas cores a descarga do peixe no porto do Berbés ao amencer por parte dunha cuadrilla de mariñeiros. Gustábame a súa forma de contar, o estilo transparente, sen floreos nin falsas retóricas.
Xeolocalización
42.23772571951664, -8.729228088430586
Liña literaria
08 Liña Príncipe - Beiramar
Sinopse
Cando alguén morre, ¿que queda, á parte dun nome nunha lápida? ¿Canta xente e durante canto tempo se lembran del? Para asegurarse de que a historia da vida, de que a historia de cada unha das vidas se preserva, Dalmao, un mozo licenciado universitario, decide crear Eternity. Un lugar en Internet onde a memoria virtual das persoas se ha conservar perenne e indeleble, tal e como a lembran os seus achegados. A el únense Larisa, Daniel e Héitor. Catro enxeñeiros informáticos que precisan de alguén máis que domine varias linguas e saiba redactar: a protagonista desta novela. O que ela non sospeita é que a historia das vidas dos demais a ha levar a descubrir as orixes da súa propia e agochada historia.
Transbordo literario
Conexión con outras liñas
Liña 02
Casco Vello
Liña 05
San Miguel – Bouzas
Liña 06
García Barbón – Urzáiz
Liña 07
Venezuela – Camelias
Liña 08
Príncipe – Berbés
Liña 09
Navia – Zamáns
Liña C
Circular – Vigo
Editorial
Edición en galego
Editorial Galaxia
1ª edición
2021
BPM Xosé Neira Vilas
Ligazón ao catálogo
Uvigo
As Lagoas, Marcosende
Citas literarias
Licenza editorial outorgada por Galaxia, S.A.
Proxecto
Pretendemos que sexa un proxecto vivo que vaia medrando cos novos títulos que aparezcan e que teñan como espazo as rúas da nosa cidade; tamén que sexa un traballo colectivo no que quen queira colabore para completalo.