Miraquelledigo

Da Costa, Manoel

Ed. Meubook

seleccion_bibliografica_mapa_literario_vigo_bibblioteca_neira_vilas_2

BOUZAS. ALAMEDA: BANCO HISPANO AMERICANO

Moito cambiaron os tempos e moito aquel banco da Alameda, que tal nome tiña entre a xente do común, a sucursal de Bouzas do Banco Hispano Americano! (…) eu recordo con agarimo aquel solemne patio de operacións pechado con vidro esmerilado tralo que se agochaban os traballadores da banca …

BOUZAS. ALAMEDA E RÚA DOS FERREIROS

Como xa lle dixera, a Alameda era no meu tempo o lugar de reunión de boa parte da rapazada de Bouzas. Non sei moi ben a razón, as raparigas xuntábanse na zona da alameda máis achegada ao Banco para xogar ás súas cousas, e os rapaces pola da perruquería Rial, a que dá á rúa dos Ferreiros, ben porque sempre se fixera así, ben porque a primeria fora máis axeitada aos xogos como a mariola, a corda, a goma, as catro esquinas e as cociñas, e a zona do fondo ás carrilanas, o cravo e a billarda.

BOUZAS. RÚA ALFOLÍES

Que moito gustaba de ver o bombo do grupo de gaitas Alfolíes (…) Non só por Fernando, Fidel e Suso Pereira, aos que teño escoitado unha chea de veces, senón polo significado da propia rúa, unha das máis antigas da nosa vila, onde se atopaban os almacéns do sal, que é o que quere dicir alfolí; produto estratéxico para a economía de Bouzas.

BOUZAS. BIBLIOTECA MARIÑEIRA

Decatouse de que os máis dos seus compañeiros de faenaeran analfabetos, e os que non o eran endexamais colleran un libro para aprender, para gozar co seu contido. E argallo que, (…) era necesario facer unha biblioteca para os mariñeiros: o que chegaría a ser a Biblioteca Mariñeira de Bouzas, posiblemente a primeira biblioteca mariñeira do mundo.

DERBY – URZÁIZ – BAIXADA Á ESTACIÓN

O encargado negouse, pensando que ao que lle tiña medo o Ferreira era á moita faena que había no Derby nas noites de Fin de Ano (…) Noutro camareiro esta falta de puntualidade non tería suposto alarma ningunha, pero en cincuenta anos de traballo aínda faltaba a primeira ocasión na que o Ferreira chegara tarde. Así que, despois de avisar ao dono, colleron Urzáiz arriba ata a casa da Baixada á Estación, onde o Ferreira tiña un cuarto en aluguer. Alí estaba; a súa roupa de faena coidadosamente colocada nos pés da cama e el morto no baño.

RÚA DO PRÍNCIPE

E as moitas mulleres fermosas, con beizos de carmín, ben vestidas e peitedadas, que retocaban a maquillaxe no reflexo das vitrinas dos fermosos comercios da rúa do Príncipe.

COLEXIO ROSALÍA

Que ben sei que, dende o ano setenta e seis, o edificio do Colexio Rosalía tiña as súas portas pechadas, e íase convertindo, cada día que pasaba, nun recordo da desmemoria que ten esta cidade adolescente para con a súa historia.

O LAGHARTO PINTADO

Ben sei, don Manoel, que para o grupiño dos habituais, ó ir de foiada ao Lagharto era un ritual confortador, un xeito de esquecer os problemas cotiáns, deixar de lado, aínda que fora por unhas horas, as miserias da vida, atoparse con vellos amigos e, sobre todo, o facer novos, que a amizade é un raro tesouro, e boa parte dos aquí cultivados resultaron inesquecibles.

UNIVERSIDADE POPULAR DE VIGO

Anos despois, cando xa xubilado me deu por intentar aprender a tocar a gaita, collín a que o Tiniño me regalara e leveina a axustar ao recén fundado Obradoiro de Instrumentos da Universidade Popular de Vigo, que vostede ben debe coñecer, pois foi o xerme da súa Escola de Peritos.